Estás en:Novas

A Deputación presenta ‘Últimas tardes con Xohana”, o volume que recolle os últimos poemas escritos por Xohana Torres

O luns 22 de novembro, día do 90 aniversario do nacemento da autora, a deputada de Normalización Lingüística, María Muíño presentará o libro nun acto público na Casa de Mulleres Xohana Torres de Santiago de Compostela
"Últimas tardes con Xohana" recolle seis poemas que a autora escribiu nos seus últimos meses de vida, a razón de un por mes, e que lle ía entregando ao seu amigo e editor Xosé F. Puga coa intención de completar un libro de doce

A Deputación presenta ‘Últimas tardes con Xohana”, o volume que recolle os últimos poemas escritos por Xohana Torres

O luns 22 de novembro, día do 90 aniversario do nacemento de Xohana Torres, a Deputación da Coruña presentará o libro que recolle os últimos poemas escritos pola poeta. A cita terá lugar ás 19h en Santiago de Compostela, no centro social que leva o seu nome "Casa das Mulleres Xohana Torres", e contará coa participación da deputada de Normalización Lingüística, María Muíño, da xornalista e escritora, Ana Romaní, e da filla da autora Andrea Ellacuría Torres.

"Xohana Torres é un referente indiscutible nas nosas letras" asegura María Muíño, "que non só destaca pola súa calidade literaria, senón tamén polo seu compromiso coa defensa da lingua galega e pola dignificación do papel da muller na súa obra". A deputada de Normalización Lingüística indica ademais que "é unha das imprescindibles da literatura de noso" e, neste sentido, afirma que "é un luxo e unha honra contar cunha publicación destas características que recolle a súa creación última".

O libro, editado por Engaiolarte na colección "Biblioteca Xohana Torres", tamén será presentado da man da área de Normalización Lingüística da Deputación en Ferrol -na capela do Torrente Ballester, o mércores 24 de novembro ás 19h-, e na sede da Real Academia Galega o 9 de decembro.

O título do volume, "Últimas tardes con Xohana", foi escollido pola poeta no marco da relación de amizade e literaria entre a propia Xohana Torres e o editor Xosé F. Puga. Segundo explica o propio editor no prólogo, Xohana Torres propúxolle a comezos da primavera de 2017 a aventura creativa de facer un libro con doce poemas, a razón de un por mes, proxecto que finalmente quedaría truncado polo falecemento de Xohana Torres en setembro dese mesmo ano.

"Últimas tardes con Xohana" non só está composto polos seis poemas escritos especificamente para este proxecto senón que recolle unha copia do orixinal de cada un, manuscrito pola poeta.

Páxinas suxeridas