Estás en:Novas

A Deputación apoia a certificación da Costa da Morte como Destino Starlight

O vicepresidente e deputado de Turismo provincial, Xosé Regueira, asegurou hoxe en Vimianzo que a proposta da CMAT vai diversificar no territorio "un produto responsábel, sustentábel e tamén innovador" e permitir seleccionar un perfil de turista de calidade

A Deputación apoia a certificación da Costa da Morte como Destino Starlight

O presidente e responsable da área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, participou esta tarde na xornada técnica que se celebrou na Casa da Cultura de Vimianzo para explicar a posta en marcha por parte da Asociación de Turismo da Costa da Morte (CMAT) dun proxecto que impulsará ese territorio como Destino Starlight e poñer en valor a súa idoneidade para gozar de experiencias de astroturismo. Regueira mostrou o apoio da institución provincial á iniciativa, da que dixo que é "un elemento que vai diversificar o produto no xeodestino e tamén permitir seleccionar un perfil de turista de calidade".

"Na Deputación", asegurou Regueira, "estamos traballando precisamente niso, en buscar novos produtos turísticos que teñan a sustentabilidade como marca identitaria. Acabamos de recibir moi boas novas co proxecto de Xeoparque de Cabo Ortegal e, polo tanto, desde ese ámbito do turismo científico para nós sería tamén unha alegría poder colaborar e buscar o recoñecemento, con ese selo de Starlight, dun territorio da provincia da Coruña". O vicepresidente salientou que o proxecto "é un produto responsábel, sustentábel e tamén innovador, que servirá sen dúbida para mellorar a oferta turística e mesmo para desestacionalizar e aumentar a estancia media en destino".

CMAT organizou a xornada de hoxe para comunicar o proxecto a todos os axentes locais implicados –concellos, sector turístico e poboación local–, concienciar sobre os beneficios da certificación de Costa da Morte como Destino Starlight e explicar por que paga a pena reducir a contaminación luminosa nos territorios.

Ademais de Regueira, na xuntanza participaron a alcaldesa de Vimianzo e presidente da CMAT, Mónica Rodríguez; Ana Teresa Cimas, xefa da Área Provincial Turismo de Galicia; Jorge Mira, catedrático do departamento de Física Aplicada da USC; María Varela Pérez, directora xerente da Fundación Starlight; Ana Ulla Miguel, profesora de Astronomía e Astrofísica da Universidade de Vigo; e Salvador Bará, profesor de Óptica da Universidade de Santiago de Compostela.

Páxinas suxeridas