Estás en:Novas

Correos e a Deputación da Coruña asinan un convenio que permitirá pagar tributos en calquera oficina postal

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso e o presidente de Correos, Juan Manuel Serrano, asinaron este acordo que pretende facilitar aos cidadáns a xestión dos trámites administrativos

O convenio enmárcase na nova estratexia de Correos de ampliar servizos á cidadanía, aproveitando a presenza territorial da súa rede de oficinas, con 63 na provincia da Coruña

Correos e a Deputación da Coruña asinan un convenio que permitirá pagar tributos en calquera oficina postal

A Deputación da Coruña e Correos asinaron un convenio de colaboración polo que se facilita á cidadanía o pago, a través xiro postal, de débedas tributarias e outras de Dereito Público correspondentes ao organismo provincial.

O acordo asinárono hoxe o presidente de Correos, Juan Manuel Serrano, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso. A partir de agora, Correos pon a disposición a súa rede de 2.370 oficinas distribuídas por toda España para efectuar a través de xiro postal o cumprimento das obrigas tributarias que se teñan co organismo provincial.

Con este servizo de Correos, os cidadáns contan cunha canle áxil e sinxela á hora de cumprir cos seus aboamentos. Tamén dispoñen dunha maior xanela horaria e mobilidade territorial: só na provincia da Coruña, Correos dispón de 63 oficinas de atención ao público.

O pago de tributos é un dos novos servizos cos que Correos pretende facilitar o día a día dos cidadáns independentemente de onde vivan, aproveitando a capilaridade e a cobertura territorial da rede de oficinas.

ACHEGAR MÁIS SERVIZOS AO TERRITORIO

Ademais de asinar o acordo para o pago de tributos, o presidente de Correos e o presidente da Deputación da Coruña abordaron tamén o proxecto de instalación de caixeiros automáticos nas oficinas de Correos.

A compañía postal licitou esta mesma semana os 1.500 caixeiros que prevé instalar ao longo da xeografía española, 300 deles en localidades de menos de 3.000 mil habitantes e que carecen de entidade bancaria. Estes caixeiros de pequenas localidades súmanse aos 20 xa instalados este ano, tres deles nos concellos galegos de Samos, Cenlle e Cortegada.

Juan Manuel Serrano e Valentín González Formoso tamén abordaron dous proxectos en marcha especialmente relevantes para os municipios con menos servizos: a prevista dixitalización das pequenas oficinas rurais, que lles permitirá ampliar os seus servizos – na Coruña hai 43-; e a ampliación a toda Galicia do proxecto que se está desenvolvendo en Lugo cos carteiros e carteiras rurais, que prestan a domicilio servizos como o envío desde casa de paquetes, o pago de tributos ou a entrega de diñeiro en efectivo co servizo Correos Cash.

ENVÍO DE DOCUMENTOS Á DEPUTACIÓN DESDE CORREOS

Seguindo esta liña de colaboración, a Deputación da Coruña formalizou tamén este mes a súa adhesión ao proxecto ORVE de Correos, que facilita o envío de documentos ás administracións.

O servizo, do xa se benefician a administración do Estado, comunidades autónomas, deputacións, entidades locais e outros organismos públicos, permite que calquera persoa poida enviar un documento á Deputación desde unha oficina de Correos, unicamente levando consigo o orixinal que desexa rexistrar.

Os documentos serán transmitidos en formato electrónico despois de ser escaneados polos profesionais de Correos, un proceso que garante a validez da dixitalización. Ademais, a entidade de mensaxería pública está autorizada polo Ministerio de Facenda e Función Pública para enviar documentación por rexistro electrónico, algo que non pode facer calquera empresa de mensaxería.