Estás en:Novas

O trío pontevedrés Peña, gañador do Premio Narf de música da Deputación da Coruña

Peña foi a gañadora; en segundo lugar quedaron os ourensáns TanDub; e en terceiro a compostelá Elba

A final tivo lugar no seo dunha gala no Teatro Colón da Coruña, que foi retransmitida en directo a través da canle de Youtube de Cultura da Deputación da Coruña

O trío pontevedrés Peña, gañador do Premio Narf de música da Deputación da Coruña

Peña foi a banda gañadora da final do Concurso Fran Pérez "Narf" para grupos e artistas musicais que promove a Deputación da Coruña e que tivo lugar onte domingo no Teatro Colón da Coruña nun espectáculo que foi retransmitido en directo a través da canle de Youtube da Deputación. Nel participaron as cinco bandas finalistas: Peña, Tandub, Sleepy Spice, Elba e Secho, ademais de Grande Amore, o grupo convidado, nun acto que foi conducido pola xornalista Neves Rodríguez.

O Concurso Fran Pérez "Narf" de música ten o obxectivo de difundir, apoiar e promocionar os grupos e artistas musicais das diferentes comarcas e localidades galegas, así como lembrar e difundir socialmente a figura e a obra do músico e compositor Fran Pérez "Narf". Algunhas das bandas gañadoras deste premio son Mounqup, Bala ou Familia Caamagno, entre outros.

O xurado que elixiu os finalistas estivo formado por Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña, como presidente; ademais da cantora Uxía, os xornalistas Carlos Crespo, María Yáñez e Teresa Cuíñas, e o crítico musical Pepe Cunha.

PEÑA é un trío pontevedrés que fai unha mestura de pop con raíces tradicionais. Veñen de publicar o seu primeiro longa duración titulado 'Carreiro', logo do EP 'Fórmula'. A banda formada por Toño Magariños (diola, Unicornibot), Rubén Abad (Cró!, Trilitrate) e Elena Vázquez (Trilitrate) foi quen de fiar un corpo de cancións exquisito, que casa sinxeleza con idiosincrasia e valentía formal.

Os segundos clasificados, TANDUB, conforman unha fusión da música tradicional Gnawa (norte de Marrocos, Tánxer) con outros xéneros como o reggae, o drum&bass e a electrónica, cun potente directo. Acadan un son vibrante, intenso e sólido empregando instrumentos clásicos nas bandas de fusión (guitarra, baixo ou percusión) coas novas tecnoloxías (electrónica), co hajhouh e as karkabas (instrumento tradicional marroquino). Os seus compoñentes proceden de bandas como Lamatumbá, Dar Gnawa, Tabú ou Kondiós.

A terceira clasificada foi a compostelá ELBA, que comeza na música xa na infancia, formando parte do coro infantil do Orfeón Terra a Nosa e posteriormente no coro de voces brancas da orquestra sinfónica do CMUS de Santiago. Con 18 anos funda Ivy Moon e participa en diversos festivais. No seu proxecto actual mestura diferentes estilos como synth pop, new wave ou post-punk con elementos tan clásicos como o canto lírico, e mesmo reinterpreta nos seus concertos en vivo obras puramente líricas con instrumentos cargados de sintetizadores.

O cuarto clasificado foi SECHO, o dodrense que vén de publicar en 2021 o seu segundo LP, 'Recuperar'. E de quinta rematou SLEEPY SPICE, unha artista coruñesa de música urbana en galego e castelán que compón, grava e mestura os seus temas nun móbil.

En metálico os premios son de 3.000 euros para a primeira banda clasificada, 2.000 para a segunda, 1.500 para a terceira e 1.000 para a cuarta e quinta.

Páxinas suxeridas