Estás en:Novas

A Deputación completa os trámites de expropiación para a construción dunha senda peonil na DP-4001 ao seu paso polo núcleo de Fornelos, en Zas

Cita aos propietarios dos 22 predios afectados polas expropiacións o 30 de novembro na Casa do Concello para o pago dos depósitos previos

A iniciativa mellorará a seguridade peonil nunha zona residencial que na actualidade non conta con espazos habilitados para a correcta circulación das persoas

A Deputación completa os trámites de expropiación para a construción dunha senda peonil na DP-4001 ao seu paso polo núcleo de Fornelos, en Zas

A Deputación da Coruña publica hoxe no Boletín Oficial da Provincia o anuncio de citación para efectuar o pago dos depósitos previos aos propietarios e propietarias dos 22 predios afectados polo proxecto de construción dunha senda peonil na estrada DP-4001 no núcleo de Fornelos, no Concello de Zas, o que permitirá habilitar espazos seguros para as persoas que circulen por esta zona residencial. As actuacións tamén permitirán dotar á zona de canalización para o saneamento de augas residuais e a iluminación pública.

Os propietarios dos terreos están citados o martes, 30 de novembro, entre as 16.15 h e as 16.45 horas, no salón de Plenos da Casa do Concello de Zas.

As obras suporán un investimento de 183.731 euros, ao que se suman os 37.312 euros que se destinan á expropiación de terreos e permitirán mellorar a seguridade viaria no tramo que comunica o lugar de Fornelos coa estrada autonómica AC-430.

Na actualidade esta zona carece de beirarrúas en varios tramos, o que supón un risco para as persoas que circulan pola contorna, na que se instalan numerosas vivendas unifamiliares e que polo tanto conta cun amplo tráfico rodado e peonil.

Varanda e pasos de peóns para mellorar a seguridade

"Co obxectivo de dar resposta a esta situación, construirase unha senda, instalarase unha varanda de protección de 0,90 metros de altura de aceiro inoxidable e pintaranse dous pasos de peóns para garantir a súa seguridade ao cruzar a estrada" explicou o deputado de Vías e Obras, José Manuel Pequeño Castro.

O proxecto tamén permitirá levar a cabo a preinstalación soterrada da rede de iluminación pública, cun total de 770 metros de canalización de dúas tubaxes de PVC, e colocación de 18 arquetas.

As obras, que contan cun prazo de execución de seis meses, tamén inclúen o puntado de marcas viarias e a reposición dos servizos afectados pola obra.

Páxinas suxeridas