Estás en:Novas

Cultura da Deputación da Coruña presenta os seus premios literarios e de banda deseñada na Culturgal

Os gañadores e gañadora dos Torrente Ballester, González Garcés, Raíña Lupa e Castelao falarán o sábado en Pontevedra das súas obras

A área provincial de Cultura colabora co tecido empresarial da provincia subvencionando 30 casetas para librarías, editoriais, produtoras, compañías de teatro, discográficas, ou Fundacións

A Deputación tamén colabora coa Culturgal financiando o espazo que a Feira destina a bebeteca e cun concerto de Koroiev, finalista dos Premios Fran Pérez 'Narf'

Cultura da Deputación da Coruña presenta os seus premios literarios e de banda deseñada na Culturgal

A área de Cultura da Deputación da Coruña volve á Culturgal con actividade propia, con dúas presentacións relativas aos premios literarios e de banda deseñada e un concerto a cargo dun dos finalistas dos premios Narf, e apoiando a presenza de 30 empresas da provincia na única Feira das Industrias Culturais do país.

A Culturgal 2021, que terá lugar esta fin de semana – sábado 27 e domingo 28 - no recinto feiral de Pontevedra, é en palabras do deputado de Cultura, Xurxo Couto "a cita por excelencia do tecido cultural profesional en Galiza e a Deputación da Coruña, como vén facendo nos últimos anos, volve ter unha participación activa no seu desenvolvemento". Neste sentido, o deputado fai fincapé en que "tras a edición tan especial do pasado ano, que se sustentou a través de canles en liña, este ano volvemos á presencialidade co ánimo de recuperar o contacto co público, poñer en valor o talento dos creadores e das creadoras galegas e facendo todo o posible por apoiar a presenza das empresas culturais da provincia nesta feira".

Así, a área provincial de Cultura promove actividades propias, ao tempo que financia casetas para empresas, asociacións sectoriais e fundacións da provincia, e colabora coa propia Asociación Culturgal financiando o espazo no que se ofrece o servizo de bebeteca para o público máis novo da feira.

Actividades
As actividades propias terán lugar na xornada do sábado e a primeira será un concerto de Koroiev ás 13:15 h no Auditorio. Convén lembrar que Koroiev é un proxecto de "electrónica onírica" en solitario do ferrolán Roberto Casteleiro, que foi finalista na pasada edición do Premio Fran Pérez 'Narf' para grupos e artistas musicais. Koroiev sacou a finais do 2019, co selo Ferror Records, o disco "Valverde", que xoga a crear unha xeografía mítica do Máis Alá partindo das lendas atlánticas das cidades asolagadas.

Tamén o sábado pola mañá, ás 13:45 h no Espazo Libro, a Deputación presentará a actividade "Lecturas comentadas" na que participarán os gañadores da edición 2020 dos premios literarios: Daniel Asorey, gañador ex-aequo do Premio González Garcés, Xosé Ricardo Losada Vicente, gañador do Premio Torrente Ballester en galego, e Xosé A. Neira Cruz, gañador do premio Raíña Lupa.

No mesmo día pola tarde, ás 18:30 h e tamén no Espazo Libro, será a quenda dos gañadores dos Premios Castelao de banda deseñada 2020: Begoña García-Alén González, gañadora na modalidade xeral, e Andrés Magán Zamorano gañador na modalidade dirixida a público infantil e xuvenil. Ambas presentacións contarán coa presenza do deputado de Cultura, Xurxo Couto.

Apoio a empresas
Son 30 as empresas, asociacións sectoriais e fundacións que contan con apoio da Deputación da Coruña para ter presenza na Culturgal. A través da convocatoria específica da área de Cultura, cada unha destas empresas contará cun
ha caseta financiada directamente polo ente provincial baixo a marca 'A Cultura é un Dereito'. Entre esta trintena de empresas cóntanse librarías, editoriais, produtoras, compañías de teatro, asociacións sectoriais e fundacións como a Eduardo Pondal e a Rosalía de Castro.

"O que conseguimos con esta convocatoria" asegura Xurxo Couto "é ofrecer un apoio efectivo á promoción das empresas culturais no que, a día de hoxe, é o gran escaparate da cultura galega e no que se congrega tanto o sector profesional como os axentes culturais e o público consumidor de cultura".

Ademais, a Deputación da Coruña tamén colabora directamente coa Asociación Culturgal asumindo o financiamento directo do espazo no que se ofrecerá o servizo de bebeteca para o público máis novo da feira – de 0 a 3 anos-.

Páxinas suxeridas