Estás en:Novas

Poemas de Charo Lopes e Lucía Aldao centrarán o acto da Deputación da Coruña o 25N

A lectura de textos poéticos terá lugar ás 12h, diante da Biblioteca Provincial da Coruña, e contará coa participación do presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e da deputada de Igualdade, María Muíño

Os textos foron compartidos previamente cos concellos da provincia adheridos á campaña DE FRONTE para que, de xeito voluntario, poidan facer unha lectura simultánea nas súas rúas

Neste 2021, DE FRONTE conta coa adhesión de 88 concellos e 59 entidades da provincia que están a difundir a mensaxe de plantarlle cara ao feminicidio cun programa de iniciativas moi diversas e orientado a diferentes segmentos de idade

Poemas de Charo Lopes e Lucía Aldao centrarán o acto da Deputación da Coruña o 25N

As poetas Charo Lopes e Lucía Aldao serán as encargadas de poñerlle voz á loita contra a violencia cara as mulleres a través de textos poéticos, algúns deles escritos especificamente para esta cita. Trátase do acto central da campaña da área de Igualdade da Deputación da Coruña "DE FRONTE á violencia de xénero", e que consistirá nunha lectura pública no exterior da Biblioteca Provincial da Coruña ás 12h. O acto tamén inclúe unha actuación musical a cargo da chelista Margarida Mariño e contará coa participación do presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e da deputada de Igualdade, María Muíño.

Nesta lectura, a poeta Lucía Aldao (A Coruña, 1982) porá voz aos poemas "Donas e señoras da escuridade e da risa", "Andrea" e "Esfolar un Minotauro". Pola súa banda, a poeta Charo Lopes (Boiro, 1988) lerá "Anedota 0" do seu poemario "De como acontece o fim do mundo"; e "Poema 17" e "Poema 18: espelhos" do poemario "Album". Os textos foron compartidos previamente cos concellos da provincia adheridos á campaña DE FRONTE para que, de xeito voluntario, poidan facer unha lectura simultánea nas súas rúas.

Convén lembrar que neste 2021, DE FRONTE conta coa adhesión de 88 concellos e 59 entidades da provincia que están a difundir a mensaxe de plantarlle cara ao feminicidio cun programa de iniciativas moi diversas e orientado a diferentes segmentos de idade.

Así, desde o pasado día 4, a área de Igualdade da Deputación da Coruña puxo a disposición, tanto dos concellos como da cidadanía, unha serie de actividades e recursos cos que seguir levando aos espazos de traballo, educativos ou mesmo familiares a necesidade de sensibilizar fronte á desigualdade e á violencia de xénero. O programa de actividades contou con tres palestras - nas que se abordaron a violencia vicaria, a violencia cara as mulleres maiores e o traballo en rede en materia de igualdade, e con recursos online dispoñibles na web defronte.gal, relativos actividades xuvenís de Visual Thinking e Scape Room, para traballar sobre tratamento e prevención da violencia de xénero de xeito colaborativo e en equipos. Tamén na web da campaña, desde o pasado día 22 e ata o luns 29 de novembro está dispoñible o espectáculo musical para público infantil "Martiña soñadora".

Páxinas suxeridas