Estás en:Novas

A Deputación investirá 4,9 millóns de euros para mellorar 34 quilómetros de estradas provinciais

O pleno da institución dará luz verde mañá venres, 26 de novembro, a este importante presuposto do departamento de Vías e Obras que permitirá ampliar calzadas, mellorar firmes e crear sendas para incrementar a seguridade viaria para o tráfico rodado e peonil

As obras levaranse a cabo en conexións de Curtis, Cariño, Culleredo, Cambre, Valdoviño, O Pino, Melide, Tordoia, Trazo, Cerceda, Ordes, Abegondo, Carral, Arteixo e A Laracha

A Deputación investirá 4,9 millóns de euros para mellorar 34 quilómetros de estradas provinciais

O deputado de Vías e Obras, José Manuel Pequeño, anunciou que o pleno da Deputación da Coruña dará luz verde mañá venres a investimentos por importe de 4,9 millóns de euros para levar a cabo actuacións de mellora na seguridade viaria en 34 quilómetros da rede provincial de estradas nos municipios de Curtis, Cariño, Culleredo, Cambre, Valdoviño, O Pino, Melide, Tordoia, Trazo, Cerceda, Ordes, Abegondo, Carral, Arteixo e A Laracha.

Pequeño subliñou que, dentro das obras que se someterán á aprobación da Corporación provincial, destacan os máis de 1,1 millóns de euros a ampliación e mellora do trazado da DP-3201 desde a estación de Curtis ao Carregal e Gorza, no termo municipal de Curtis. As tarefas realizaranse ao longo dun quilómetro e permitirán ampliar a estrada dos cinco aos nove metros, creando, ao longo do tramo, unha senda peonil.

A DP-3104 en Liñares (Culleredo) será tamén obxecto de renovación dentro dos plans de Vías e Obras. A Deputación dedicará 553.442 euros á construción dun camiño para peóns de quilómetro e medio de lonxitude que unirá o núcleo de Tarrío co de Alvedro pasando por Liñares e a mellora do firme existente nos puntos quilométricos 1+400 a 1+500 e 1+600 a 1+800. Con estas medidas búscase mellorar as condicións de circulación na zona, que conta con numerosas vivendas.

Pequeño explicou que se aprobarán tamén proxectos de mellora de estradas provinciais en Cambre, na DP-1704 a Carral. A Deputación investirá 93.532 euros no tramo comprendido entre o punto quilométrico 0+580 e 1+070 para eliminar unha edificación situada ao bordo da calzada co obxectivo de mellorar a visibilidade na zona. O proxecto tamén permitirá proxectar sendas peonís en ambas marxes unindo as beirarrúas existentes no núcleo de Cambre coa senda peonil que enlaza co paseo fluvial do Río Mero. Así mesmo, colocaranse medidas redutoras da velocidade na contorna do río.

Mellora da intersección da DP-6121 de Mera a Cariño

A Deputación tamén aprobará no pleno do venres a mellora da intersección na estrada DP-6121 á altura do punto quilométrico 5+050 coa DP-6119 de Landoi á vía de Mera-Cariño. Amplíase tamén a sección transversal da DP-6121 incorporando un carril central de espera e desdobrando o carril esquerdo para facilitar a incorporación á DP-6119 dos vehículos.

Outras tarefas de ampliación e mellora de pavimentos

Así mesmo, Melide tamén verá melloras na DP-4603 a Ribadulla. As tarefas contarán cun orzamento provincial de 426.457 euros que permitirán reforzar a capa de rodaxe actual con mestura bituminosa en quente nun tramo de preto de cinco quilómetros.

Os concellos de Tordoia e Trazo tamén contarán cun orzamento de 419.629 euros para acondicionar o firme da DP-5903 de Ordes a Portomouro por Pontechonia. Así mesmo, dedicaranse 449.978 euros para acondicionar a DP-0514 de Arteixo a Caión; 390.908 euros para renovar a capa de rodaxe da DP-2405 de Cerceda a Mesón do Vento ao longo de 3,4 quilómetros; 250.219 euros para a DP-0106 De San Vicente de Vigo a Oza Cesuras nos termos municipais de Abegondo e Carral ao longo de 2,4 quilómetros; 301.945 euros para acondicionar a DP-8401 de Tablilla a Agro do Mestre por Pontepedra (Tordoia) ao longo de 2,3 quilómetros; 249.193 euros para s DP-2502 de Valdoviño a Cerdido (Valdoviño) , intervindo ao longo de 2,6 quilómetros; e, finalmente, 232.497 euros para renovar a DP-6602 de Fonte Díaz a Santa Irene ao longo de preto de dous quilómetros de lonxitude

Páxinas suxeridas