Estás en:Novas

Blas García visitou en Boiro as obras de mellora financiadas pola Deputación na contorna da igrexa de Lampón

As actuacións foron financiadas mediante a liña de axudas de Promoción Económica para entidades veciñais, en colaboración coa Asociación de Veciños de Lampón, e supuxeron un investimento de 19.000 euros

Blas García visitou en Boiro as obras de mellora financiadas pola Deputación na contorna da igrexa de Lampón

O deputado de de Promoción Económica, Blas García, visitou esta mañá Boiro para coñecer as obras subvencionadas pola entidade provincial para o acondicionamento de terreos destinadas ás actividades da Comisión Parroquial de Santiago de Lampón. Durante e visita estivo acompañado do alcalde, José Ramón Romero, o concelleiro de Urbanismo e Obras, Luis Ruiz, e representantes da entidade veciña.

Coa subvención concedida pola Deputación da Coruña, a entidade acondicionou uns terreos en Lampón co obxectivo de realizar unha ampliación da nave na que actualmente se gardan os materiais para a cabalgata de reis que realiza a entidade. "Queremos poder ampliar este espazo para poder gardar os materiais da cabalgata e tamén levar a cabo actividades e obradoiros para a veciñanza", afirmou o membro da entidade veciñal, Marcelino Sánchez.

A axuda da Deputación da Coruña está dentro dunha liña de axudas da área de Promoción Económica para que diversas entidade, entre elas asociacións veciñais, poidan levar a cabo actividades e investimentos. "Esta axuda é un claro exemplo do compromiso da Deputación da Coruña, non só financiando obras que melloran as infraestruturas e servizos nos concellos senón tamén con pequenas asociacións e entidades veciñais coma esta de Lampón", afirmou o deputado provincial Blas García

O alcalde de Boiro, José Ramón Romero, agradeceu á Deputación o seu compromiso coa veciñanza de Boiro, colaborando con entidades como a Comisión Parroquial de Santiago de Lampón, e tamén o traballo que a asociación veciñal fai con actividades para todo o pobo. "A cabalgata de reis que organizan é un traballo que a entidade fai para toda a veciñanza de Boiro e ter un sitio para desenvolver estas actividades é fundamental para seguir medrando", recoñeceu o alcalde.

Durante a visita a Boiro, Blas García tivo a oportunidade de reunirse co alcalde e o concelleiro para conversar sobre liñas de traballo conxunto entre as dúas administracións e participou tamén nos actos que o Concello de Boiro organizou con motivo do 25N, unha lectura de poemas coas voces de mulleres de entidades sociais do municipio.

Páxinas suxeridas