Estás en:Novas

A Deputación da Coruña avanza na loita estrutural contra a desigualdade e a violencia de xénero

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e da deputada de Igualdade, María Muíño, encabezaron o acto público no Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller que organizou o ente provincial e no que participaron a chelista Margarida Mariño e as poetas Charo Lopes e Lucía Aldao

A Deputación da Coruña avanza na loita estrutural contra a desigualdade e a violencia de xénero

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a deputada de Igualdade, María Muíño, encabezaron esta mañá o acto público con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que tivo lugar no exterior da biblioteca provincial. Tanto o presidente como a deputada aproveitaron para poñer en valor o traballo realizado desde a Deputación para loitar estruturalmente contra as situacións de desigualdade, dentro do seu marco competencial e do xeito máis transversal posible, tanto desde a área de Igualdade creando rede cos concellos e con entidades, como incorporando a perspectiva de xénero nas licitacións e contratos públicos.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, chamou a "pór todos os recursos das administracións e todo o apoio da sociedade no empeño de rematar coa lacra da violencia machista". Indicou ademais que "na Deputación da Coruña entendemos que a violencia contra as mulleres é absolutamente incompatible cunha sociedade democrática, por isto expresamos de xeito claro e contundente o noso compromiso na loita contra calquera tipo de violencia cara ás mulleres e manifestamos o noso apoio incondicional ás vítimas de violencia machista".

Pola súa banda, a deputada de Igualdade, María Muíño fixo un chamamento a "avanzar en coeducación, fomentar o crecemento persoal e colectivo das mulleres, en crear redes de apoio". No eido da creación de redes, María Muíño adiantou que "desde a área de Igualdade queremos poñer xa en marcha un dos grandes eixes do noso plan de acción, a Escola de Formación e Igualdade, que se complemente coas liñas xa postas en marcha, como a rede de axentes pola igualdade".
Na liña á planificación no curto e medio prazo desde a institución provincial, María Muíño insistiu "en poñer en marcha programas socioeducativos, ben formulados e planificados, e que teñan continuidade", e neste eido salientou "a importancia de darlle formalidade de xeito inmediato á rede de concellos e entidades pola igualdade".

Nun día tan significativo como o 25N non faltaron as referencias ás cifras relativas á violencia de xénero. Neste sentido, González Formoso lembrou que, desde que hai cifras oficiais, 1.118 mulleres (66 en Galicia) e 44 menores foron asasinados, vítimas da violencia máis terrible: a violencia vicaria que busca causar un dano irreparable ás nais. "Detrás de cada cifra hai unha muller que, incomprensiblemente, ve a súa vida e o seu futuro truncado", afirmou o presidente, que destacou que o Goberno provincial "amosa con feitos o seu compromiso coa igualdade e coas mulleres vítimas desta lacra social" con programas de educación en igualdade desde a etapa escolar, apoiando o tecido asociativo, incorporando a perspectiva de xénero nas licitacións e contratos públicos e impulsando a Rede de Casas de Acollida con centros en Ferrol, A Coruña e Culleredo, premiada pola FEMP e o Goberno de España polo seu gran labor, e nas que hoxe a Deputación inviste un 46% máis que en 2019.

"Mulleres cada vez máis desobedientes"
"Hai quen di que agora hai máis asasinatos que antes. Tamén hai máis divorcios que antes, con certeza. Talvez as mulleres son (somos) máis desobedientes que nunca. Ou igual están resucitando, porfionas, nos nosos corpos as desobedientes de outras xeracións. As insubmisas. As bruxas do século XIV ou XVII, por exemplo. Se é así, que así sexa. Até que non sexa necesario rebater o negacionismo, até que non haxa violencias estruturais, un iceberg terrorífico do que apenas vemos un pico, uns poucos números de asasinadas, algunhas violacións, algúns insultos machistas", así soou parte do texto lido pola poeta Charo Lopes que, xunto á tamén poeta Lucía Aldao, foi a encargada de poñerlle voz á lectura poética do acto desta mañá.

Concretamente, Lucía Aldao leu os poemas "Donas e señoras da escuridade e da risa", "Andrea" e "Esfolar un Minotauro". Pola súa banda, Charo Lopes leu "Anedota 0" do seu poemario "De como acontece o fim do mundo"; e "Poema 17" e "Poema 18: espelhos" do poemario "Album". Os textos foron compartidos previamente cos concellos da provincia adheridos á campaña DE FRONTE para que, de xeito voluntario, fixeran unha lectura simultánea nas súas rúas.

Convén lembrar que neste 2021, a campaña da área de Igualdade DE FRONTE conta coa adhesión de 88 concellos e 59 entidades da provincia que están a difundir a mensaxe de plantarlle cara ao feminicidio.

Páxinas suxeridas