Estás en:Novas

A Deputación insta a unha maior colaboración institucional para deter a lacra da violencia machista

O pleno provincial aprobou unha declaración institucional rexeitando calquera acto violento contra as mulleres e ratificando o compromiso da Deputación coas políticas de Igualdade

O texto insta á Xunta de Galicia a crear unha estratexia de coordinación fronte a esta problemática e a reforzar a rede de Centros de Información á Muller

Tamén solicita ao Goberno do Estado a actualizar o Pacto do Estado contra a Violencia de Xénero e á FEMP a cumprir coas súas competencias dentro deste tratado

A Deputación insta a unha maior colaboración institucional para deter a lacra da violencia machista

O pleno da Deputación da Coruña realizou hoxe unha declaración institucional de repulsa a calquera acto de violencia contra as mulleres e manifestou o seu compromiso absoluto coas vítimas.

Na declaración, o ente provincial insta á Xunta de Galicia a crear unha estratexia de coordinación e a reforzar a rede de Centros de Información á Muller. Tamén solicita ao Goberno central que actualice e renove o Pacto do Estado contra a Violencia de Xénero e mellore a coordinación institucional para facerlle fronte a esta lacra.

"A loita contra a violencia machista é un dos retos máis grandes para a sociedade galega e para a humanidade no seu conxunto", sinala o texto da declaración subscrita por todos os grupos políticos que compoñen o pleno provincial. Nela amósase o profundo rexeitamento á violencia machista e reafírmase o compromiso provincial cos dereitos das mulleres, a erradicación de calquera tipo de violencia e a loita contra os discursos ou posicionamentos políticos que a neguen ou rexeiten políticas públicas enfocadas á súa extirpación.

Co obxectivo de contribuír á erradicación desta lacra, a Deputación fai un chamamento á colaboración de todas as institucións, instando á Xunta de Galicia a promover formacións para a creación das Mesas de Coordinación Interinstitucional e impulsar encontros de traballo entre departamentos competentes en materia de Igualdade e as entidades locais, dirixidos a intercambiar boas prácticas en colaboración coa FEGAMP.

Tamén sinala a necesidade de que a administración autonómica elabore un estudo e estratexia de coordinación contra a violencia de xénero para o ámbito local e que, á súa vez, reforce a rede de Centros de Información ás Mulleres para garantir a cobertura do conxunto do territorio galego.

Por outra banda, a través da declaración institucional o pleno da Deputación insta ao Goberno central a actualizar o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e a mellorar a coordinación institucional para garantir que os fondos de dito Pacto sexan implementados da forma máis eficiente posible. Así mesmo, solicita á Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) o cumprimento das súas competencias dentro do Pacto, no que se sinala que debe ser esta entidade a que realice "un estudo xurídico sobre as reformas que deberían implantarse no ámbito das ordenanzas municipais para acabar coa tolerancia e a permisividade cara a publicidade de servizos sexuais que facilitan actuacións delitivas".

Medidas para avanzar

A Deputación fortaleceu neste 2021 o seu presuposto nas liñas de subvencións a entidades, puxo en marcha un novo programa para a contratación de axentes de igualdade en organismos locais e reforzou o orzamento dedicado a programas de sensibilización e formación. O ente provincial tamén incorpora a perspectiva de xénero a todas as decisións que se adopten desde a administración.

A Deputación sinala na súa declaración que seguirá a traballar na procura de máis recursos económicos e persoais para combater e eliminar esta lacra. Do mesmo xeito, remarca a necesidade de aplicar os criterios de transversalidade para que as desigualdades, as discriminacións e as situacións de violencia desaparezan dunha vez por todas.

Mocións

O pleno aprobou ademais, cos votos favorables de PSOE, BNG, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños e a abstención do PP, a moción de Marea Atlántica a favor da rexeneración do río Portapego. Tamén saíu aprobada a moción deste grupo a favor da promoción do galego e dunha especial protección ao noso idioma no eido do ensino e a administración pública.

Tamén se aprobaron mocións do Partido Popular e do BNG, con emendas do PSdeG, en defensa do sector lácteo galego.