Estás en:Novas

Éxito de convocatoria no seminario de defensa persoal feminina da Deputación da Coruña en Ferrol

O curso completou as 70 prazas dispoñibles

O presidente Valentín González Formoso e o alcalde Ángel Mato participaron na entrega de diplomas

Éxito de convocatoria no seminario de defensa persoal feminina da Deputación da Coruña en Ferrol

O pavillón polideportivo da Malata, en Ferrol, acolleu este sábado o segundo dos seminarios intensivos de defensa persoal feminina organizados pola Deputación da Coruña en distintos concellos da provincia.

O curso contou cunha elevada demanda, rexistrándose máis dun centenar de solicitudes para as 70 prazas dispoñibles, que se completaron xa a pasada semana.

As mulleres participantes no curso, entre os 14 e os 65 anos, tiveron a oportunidade de aprender e ensaiar técnicas de autodefensa e protocolos de actuación ante unha posible situación de perigo: saber caer e levantarse, manexarse no chan, moverse e desprazarse ou manter a distancia co agresor foron algunhas das técnicas aprendidas.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, as deputadas provinciais Ana Lamas e Cristina Capelán e a concelleira de Igualdade ferrolá, Cristina Prados, participaron na entrega de diplomas e felicitaron ás participantes.

Os cursos de defensa persoal feminina continuarán nas vindeiras semanas nos concellos de Culleredo, Carballo, Cee, Boiro, Ames e Melide.

Páxinas suxeridas