Estás en:Novas

O Consello de Dirección do Parque do Megalitismo aproba a inclusión do Concello de Coristanco no proxecto

Na mesma xuntanza, que tivo lugar na sede da Deputación da Coruña, aprobouse o estudo de sinalización co obxectivo de contar con todos os elementos do parque sinalizados no exercicio 2022

Aprobouse, ademais, o estudo definitivo do prezo de compra dos 16 xacementos que conforman o proxecto, tamén coa vista posta no horizonte temporal do exercicio 2022

O Consello de Dirección do Parque do Megalitismo aproba a inclusión do Concello de Coristanco no proxecto

O vicepresidente e deputado de Plans Provinciais e Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, encabezou esta mañá a xuntanza do Consello de Dirección do Parque do Megalitismo da Costa da Morte na que se aprobou a inclusión do Concello de Coristanco neste proxecto. Xosé Regueira fixo unha valoración "moi positiva" da incorporación de Coristanco posto que "implica a incorporación de novos achados arqueolóxicos, como o dolmen do Chan das Embarradas, que contribúen a dar aínda máis valor ao conxunto do parque"

Na xuntanza, que tivo lugar na sede da Deputación da Coruña, participaron representantes, tanto alcaldes como concelleiros e concelleiras, dos dez concellos que ata este momento conformaban o proxecto: A Laracha, Cabana de Bergantiños, Carballo, Dumbría, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Ponteceso, Vimianzo e Zas.

Ademais da inclusión de Coristanco, tamén se aprobaron dúas medidas máis. Dunha banda, aprobouse o estudo de sinalización para o conxunto de todos os bens patrimoniais, cun orzamento de 58.000 euros máis IVE e seguindo os criterios estéticos e de cores do manual autonómico de identidade corporativa para este tipo de elementos. Neste apartado, o vicepresidente indicou que "este paso é imprescindible de cara a acadar un dos obxectivos do proxecto, que consiste en estruturar unha estratexia turística a partir destes bens arqueolóxicos, polo que o primeiro paso é estruturar como chegar a eles e facilitar as visitas". O obxectivo neste punto é contar con todos os elementos arqueolóxicos sinalizados ao longo do vindeiro ano.

Doutra banda, tamén se abordou a planificación da compra dos 16 xacementos arqueolóxicos situados neste territorio. O Consello de Dirección acordou aprobar o estudo definitivo do prezo de compra destes bens coa mirada posta no horizonte do exercicio 2022. Neste sentido, acordouse urxir a valoración económica por parte dos servizos provinciais de cara a facer efectiva a compra unitaria de todos os bens antes do remate do vindeiro ano.

Trátase dos 14 xacementos incluídos no proxecto inicial, que son Pedra Moura de Aldemunde en Carballo; Casa dos Mouros en Dumbría-Vimianzo, A Fornella dos Mouros en Laxe; Pedra da Arca en Malpica; Mina da Parxubeira en Mazaricos; Pedra Moura de Monte Carnio, Pedra Cuberta, Casota de Berdoias, Arquiña de Vilaseco, Pedra de Lebre ou de Serramo, Mina de Recesindes, Rabós en Vimianzo; Pedra Vixía e Arca da Piosa en Zas; aos que se lle suman o dolmen de Chan das Embarradas en Coristanco, e o menhir de Erboedo na Laracha.

Convén lembrar que o Parque Arqueolóxico do Megalitismo esténdese no territorio da Costa da Morte fundamentalmente nos once concellos que se inclúen no convenio de colaboración asinado coa Deputación da Coruña. Máis de 300 mámoas, dolmens e outras construcións funerarias compoñen unha das mostras en mellor estado e máis representativas da Idade de Pedra na Galiza que son a trabe deste proxecto que busca conservar o patrimonio e contribuír á súa difusión. Ademais dos bens patrimoniais sinalados no plan director do parque, o Dolmen de Dombate coñecido como a "catedral do megalitismo" tamén é un recurso clave no proxecto.

Páxinas suxeridas