Estás en:Novas

Volve ‘Un Torrente de Conversas’ cun encontro entre Ignacio Martínez de Pisón, Dores Tembrás e Xesús Fraga

A conversa, que terá lugar o venres 10 pola tarde na Sala Juanjo Gallo da Deputación da Coruña, estará aberta ao público e non será precisa inscrición previa

O mesmo venres 10 pola mañá faranse públicos os gañadores ou gañadoras dos Premios Torrente Ballester de narrativa 2021 en lingua galega e en lingua castelá

Ignacio Martínez de Pisón, Domingo Villar, Lucía Taboada, Dores Tembrás e Clara Escajedo conforman o xurado na modalidade en lingua castelá; mentres que Xesús Fraga, María Marco, Nazareth López, Montse Dopico e Ricardo Losada son os membros do xurado na modalidade en lingua galega

Volve ‘Un Torrente de Conversas’ cun encontro entre Ignacio Martínez de Pisón, Dores Tembrás e Xesús Fraga

Será a última das actividades literarias vinculadas ao XXXIII Premio Torrente Ballester de narrativa: un encontro entre os xurados deste premio que estará protagonizado por Ignacio Martínez de Pisón, Dores Tembrás e Xesús Fraga, e moderado pola xornalista Susana Pedreira.

Este encontro literario, aberto ao público e con entrada libre sen necesidade de reserva previa, terá lugar o venres 10 de decembro ás 19h na Sala Juanjo Gallo da Deputación da Coruña (6º andar), no mesmo día no que se farán públicos os gañadores ou gañadoras da convocatoria deste ano.

Convén lembrar que na xornada anterior, o xoves 9 de decembro, o Pazo de Mariñán acollerá as xuntanzas dos xurados das dúas modalidades do Premio, en lingua galega e en lingua castelá, de xeito que a concesión darase a coñecer en rolda de prensa na mañá do venres 10 de decembro.

'Un Torrente de Conversas' é un programa de actividades posto en marcha neste ano 2021 pola área de Cultura da Deputación da Coruña, da man da xornalista e comisaria do Premio en lingua castelá, Susana Pedreira. Trátase dunha serie de actividades programadas no segundo semestre do ano, co obxectivo de reivindicar a escritoras e escritores gañadores deste galardón nos últimos 32 anos e tecendo unha rede de espazos literarios entre os autores e autoras e o público lector. Neste marco, a comezos do mes de xullo Ignacio Martínez de Pisón e Manuel Rivas protagonizaran tres encontros con lectores e lectoras en diversos formatos que incluíron o relatorio, a conversa e o roteiro literario.

Xurados

Os xurados deste XXXIII Premio Torrente Ballester de narrativa da Deputación da Coruña están conformados por recoñecidos nomes do xornalismo cultural e literario, e por escritores e escritoras do panorama galego e estatal, entre os que se contan dous Premios Nacionais de Narrativa.

Na modalidade en lingua castelá está composto polo guionista e escritor Premio Nacional de Narrativa (2014) Ignacio Martínez de Pisón, polo escritor Domingo Villar, pola xornalista Lucía Taboada, pola poeta e editora Dores Tembrás e pola escritora gañadora deste premio na edición 2020 Clara Escajedo. Mentres, na modalidade en lingua galega está conformado polo xornalista e escritor Premio Nacional de Narrativa (2021) Xesús Fraga, pola escritora María Marco, pola xornalista e escritora Nazareth López, pola xornalista Montse Dopico, e polo escritor e gañador deste premio na edición 2020, Ricardo Losada.

Nas xuntanzas tamén estarán presentes o deputado de Cultura, Xurxo Couto, persoal técnico do Servizo de Cultura da Deputación, a comisaria do premio en lingua castelá, Susana Pedreira, e o comisario do premio en lingua galega, Ramón Rozas. Nesta edición recibíronse un total de 491 novelas, das cales 403 corresponden á categoría en lingua castelá e 88 á categoría en lingua galega.

Páxinas suxeridas