Estás en:Novas

EUROPE DIRECT A Coruña celebra ‘A European Festival’, un evento en liña para achegar á mocidade experiencias de mobilidade en Europa

Un programa de testemuños de mozos e mozas que se emitirá en directo o 2 de decembro ás 20.30 horas na canle de Youtube de EUROPE DIRECT A Coruña

EUROPE DIRECT A Coruña celebra ‘A European Festival’, un evento en liña para achegar á mocidade experiencias de mobilidade en Europa

EUROPE DIRECT A Coruña celebra un Festival Europeo en liña para fomentar entre a mocidade o coñecemento e o interese polas experiencias de mobilidade que ofrece a Unión Europea.

"A European Festival" terá lugar o día 2 de decembro ás 20.30 horas e poderá seguirse en liña a través da canle de Youtube de EUROPE DIRECT A Coruña.

Europe Direct A Coruña colabora nesta iniciativa coa asociación Xeración e con mozos e mozas europeos que achegarán as súas experiencias en primeira persoa coa finalidade de promover o sentimento europeo e as mobilidades polo territorio da UE, así como fomentar a diversidade cultural no territorio europeo.

Para iso, daranse a coñecer os diferentes programas de mobilidade a través dunha conversa en liña, na que se relatarán diferentes opcións para moverse pola Unión Europea ao tempo que se obtén unha experiencia vital enriquecedora. Se ben Erasmus estudos é o buque insignia de Europa, o European Festival dará a coñecer outras opcións de prácticas, formacións ou intercambios que posibilita o Programa Erasmus, mais tamén as vantaxes do voluntariado a través do Corpo Europeo de Solidariedade ou as prácticas formativas en institucións europeas.

O European Festival poderá seguirse en directo dende as 20.30 horas do vindeiro xoves, día 2 e quedará dispoñible para a súa visualización na canle de Youtube do centro: https://www.youtube.com/channel/UCPKKJFakXRd31f6IXpstUIA

EUROPE DIRECT A Coruña é un centro de información oficial da Comisión Europea que pertence á Deputación da Coruña. É unha oficina que ofrece asesoramento e información sobre temas da Unión Europea á cidadanía cidadanía en xeral, aos concellos, organizacións e centros de ensinanza e que organiza tamén formacións e encontros europeos.

Para información complementaria, pódese contactar tamén a través do correo electrónico europedirect@dacoruna.gal, ou ben, no número de teléfono 981 080 331.

Páxinas suxeridas