Estás en:Novas

A Deputación da Coruña destina preto de 200.000 euros para a renovación das cubertas do pavillón e do auditorio de Cariño

Este investimento, que supón o 80% do custo total das obras, foi aprobado no pleno provincial do pasado venres

A actuación permitirá substituír a cuberta de fibrocemento do pavillón, que sofre goteiras e humidades, e mellorar a do auditorio, que se foi deteriorando co paso do tempo

González Formoso destaca a importancia deste tipo de investimentos "que permiten mellorar as infraestruturas deportivas e culturais nos municipios da provincia, supoñendo un beneficio directo para os veciños e veciñas da localidade"

José Miguel Alonso Pumar explicou que "é unha actuación moi necesaria xa que son dous edificios que contan cunha importante actividade diaria e nos que non se actuará nas cubertas desde a súa construción"

A Deputación da Coruña destina preto de 200.000 euros para a renovación das cubertas do pavillón e do auditorio de Cariño

O pleno da Deputación da Coruña do pasado venres, 26 de novembro, aprobou un investimento de 191.558,50 euros para a renovación das cubertas do pavillón polideportivo e do auditorio municipal do Concello de Cariño.

Este investimento suporá o financiamento do 80% do custo dos traballos, que están valorados en total en 239.448,13 euros, e o 20% restante será asumido polas arcas municipais.

No caso do pavillón polideportivo, que dá servizo tanto a clubs do municipio como ao alumnado do CEIP 'Manuel Fraga Iribarne' , a cuberta foi instalada hai 50 anos e presenta problemas de entrada da auga da choiva ao interior do pavillón, cos conseguintes danos na tarima de madeira e problemas de seguridade para os usuarios e usuarias da instalación.

Substituirase a actual cuberta de fibrocemento, tanto a da pista como a dos vestiarios, por outra a base de paneis sándwich de chapa metálica prelacada polo exterior e galvanizada no interior, xunto cun illante de escuma de poliuretano. Os traballos inclúen tamén a substitución dos paneis translúcidos por outros de poliéster reforzado con fibra de vidro, a renovación dos petos e a substitución das canalizacións e baixantes así como os remates laterais de cuberta e petos.

Por outra banda, no auditorio municipal proponse a reparación e mellora da cuberta, que presenta un deterioro provocado polo paso do tempo. Os traballos que se han levar a cabo consistirán na instalación de illamento e dunha chapa de aceiro galvanizado prelacado sobre a anterior cuberta. Ademais, substituirase o actual lucernario por unha carpintería de aluminio e desmontarase parcialmente unha subestrutura interior de perfís de aceiro situada na zona do escenario para gañar espazo libre en altura.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destaca a importancia deste tipo de investimentos por parte do ente provincial xa que "permiten mellorar as infraestruturas deportivas e culturais dos municipios da provincia, sendo actuacións que supoñen un beneficio directo no día a día dos veciños e veciñas da localidade en cuestión".

O alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar, explicou que esta "é unha actuación moi necesaria, que por fin sairá adiante, xa que estamos falando de dous edificios antigos, as dúas primeiras infraestruturas construídas no Concello de Cariño tras a súa segregación, que contan cunha importante actividade diaria e nos que non se actuará nas cubertas desde a súa construción".

Páxinas suxeridas