Estás en:Novas

A Deputación apoia a programación lírica de Amigos da Ópera da Coruña

O presidente da Deputación e a presidenta de Amigos da Ópera asinaron o convenio para o financiamento das óperas, concertos, espectáculos ou actividades paralelas que desenvolve a asociación

González Formoso destacou a "variada programación que ofrece Amigos da Ópera, traendo á Coruña a figuras de recoñecido prestixio internacional, e que tamén permite promocionar a novos talentos"

A Deputación apoia a programación lírica de Amigos da Ópera da Coruña

A Deputación da Coruña apoia con 75.000 euros a asociación Amigos da Ópera para o financiamento da programación lírica da Coruña durante o 2021. O presidente provincial, Valentín González Formoso, e a presidenta de Amigos da Ópera, Natalia Lamas, asinaron o convenio de colaboración entre ambas as entidades. O acto contou tamén coa asistencia do deputado de Cultura, Xurxo Couto.

A Deputación apoia así a programación lírica con 75.000 euros, un 13,64% do orzamento total do ciclo, que ascende a máis de medio millón de euros e que incluíu ao longo do presente ano concertos e recitais de grandes figuras como Leo Nucci, así como as óperas 'I Puritani', de Vincenzo Bellini, ou 'Pallasos', de Ruggero Leoncavallo.

González Formoso destacou "a variada e excelsa programación que ofrece Amigos da Ópera, traendo á cidade da Coruña a figuras de recoñecido prestixio internacional e, ademais, facendo un labor moi importante que permite promover a novos talentos".

A colaboración da Deputación permite tamén realizar varios dos ciclos habituais que adoita ofrecer, como novas edicións do 'Lírica inclusiva', que leva a ópera e a zarzuela aos centros cívicos e espazos como Pai Rubinos ou Down Coruña e impulsa cursos de interpretación vogal, entre outras actividades.

Páxinas suxeridas