Estás en:Novas

A Deputación homenaxea a Agustín Fernández Paz na XV edición do Premio Raíña Lupa

A homenaxe, que terá lugar o xoves 16 de decembro, porá en valor a obra e a traxectoria do autor que gañara a primeira edición do Premio coa obra "Cos pés no aire"

Participarán a escritora e académica Fina Casalderrey, o editor Manuel Bragado, o escritor Paco Martín, a escritora Rosa Aneiros, e a tradutora Isabel Soto

A Deputación homenaxea a Agustín Fernández Paz na XV edición do Premio Raíña Lupa

En 1998 o escritor Agustín Fernández Paz resultaba gañador da primeira edición do Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil coa obra 'Cos pés no aire'. Neste 2021, cando o Premio acada a súa XV edición, a área de Cultura da Deputación da Coruña homenaxeará a obra e a traxectoria de Agustín Fernández Paz nun acto aberto ao público que terá lugar na Sala Juanjo Gallo (6º andar da sede provincial) ás 19 h do xoves 16 de decembro.

"Se ben é certo que non se pode falar de Agustín Fernández Paz sen facer mención á súa longa nómina de premios e ao importantísimo número de lectores e lectoras que achegou ao seu universo creativo, o que realmente queremos poñer en valor nesta modesta homenaxe é a súa capacidade para facer soñar a xeracións de rapaces e rapazas galegas" asegura o deputado de Cultura, Xurxo Couto. "Ademais é posible que entre estes rapaces e rapazas que medraron da man da súa obra se conten algunhas das escritoras e escritores que xa forman parte da listaxe de gañadoras e gañadores do Raíña Lupa" engade Xurxo Couto.

No acto de homenaxe participarán destacadas representantes da literatura galega que tiveron estreira relación co autor e coa súa obra, como son a escritora e académica Fina Casalderrey, o editor Manuel Bragado, o escritor Paco Martín, a escritora Rosa Aneiros, e a tradutora Isabel Soto. A actuación musical correrá a cargo de Su Garrido. Ademais, o ilustrador Miguelanxo Prado é o encargado da imaxe que creou especificamente para esta homenaxe, partindo dos anos de amizade e de colaboración artística que compartiron ilustrador e autor.

No mesmo acto do xoves 16 de decembro presentarase un caderno-homenaxe que recolle relatos breves dalgúns dos autores e autoras gañadores do Raíña Lupa e que foi coordinado pola comisaria do Premio, Helena Torres. As persoas asistentes á homenaxe serán agasalladas tanto co caderno de relatos como cun marcapáxinas coa imaxe creada por Miguelanxo Prado.

Páxinas suxeridas