Estás en:Novas

Máis de 400 nenas e nenos participan este sábado en Oleiros nas probas de atletismo en pista “Deputación da Coruña”

O INEF de Bastiagueiro será o escenario dunha nova sesión das probas de atletismo en pista para menores de 12 anos nas categorías de sub-10 e sub-12, na que participarán 12 clubs da provincia e 446 nenos e nenas

Na mesma xornada, Culleredo acollerá un dos cursos de defensa persoal feminina que a área de Deportes desenvolve en varios concellos da provincia

Máis de 400 nenas e nenos participan este sábado en Oleiros nas probas de atletismo en pista “Deputación da Coruña”

Este sábado, 11 de decembro, continuarán en Bastiagueiro (Oleiros) as probas de atletismo en pista para menores de 12 anos do circuíto que organiza a Deputación da Coruña para este ano 2021 e que se estenderán durante o mes de decembro.

Nesta terceira xornada, que se desenvolverá nas instalacións do INEF, participarán 12 clubs da provincia e un total de 446 nenos e nenas.

A deputada de Deportes, Cristina Capelán, incidiu no "bo nivel dos participantes nas diferentes probas deste circuíto, co que buscamos impulsar o deporte galego desde a base e que están a ter unha moi grande aceptación por parte dos e das atletas máis novos".

A probas desenvólvese nas categorías sub-10 (nados en 2012 e 2013) e sub-12 (nados en 2010 e 2011). En cada concello, agás Ordes xa que non conta con pistas axeitadas para celebrar carreiras, realizaranse as seguintes probas: carreiras (50, 500 e 1.000 metros), salto de altura, salto de lonxitude e lanzamento de peso.

A inscrición para cada proba faise a través do sistema online web da Real Federación Española de Atletismo (RFEA) e pode formalizarse ata as 20 horas do luns anterior á realización desta. Os gastos de inscrición serán de balde e cada club poderá presentar un número de atletas ilimitado, só co condicionante do número de prazas que permitan os protocolos COVID-19 no momento de celebración da carreira.

As citas, que estarán controladas tecnicamente pola Federación Galega de Atletismo (FGA), terán unha duración total aproximada dunha xornada, en horario de 10 a 14 horas, e as e os participantes deberán cumprir o protocolo COVID-19 establecido pola FGA. En canto aos premios, os tres primeiros atletas de cada categoría e proba con máis puntuación, recibirán un trofeo.

Culleredo será o escenario dun novo seminario de defensa persoal feminina

O pavillón polideportivo Sofía Casanova de Culleredo acollerá tamén este sábado, 11 de decembro, o terceiro dos seminarios intensivos de defensa persoal feminina organizados pola Deputación da Coruña.

Segundo explicou Capelán, as persoas inscritas a este curso "terán a oportunidade de aprender e ensaiar técnicas de autodefensa e protocolos de actuación ante unha posible situación de risco".

Para o seminario de Carballo, que se celebrará o vindeiro 15 de xaneiro, as persoas interesadas poderán inscribirse ata o 20 de decembro. Os concellos de Cee, Boiro, Ames e Melide acollerán tamén estas actividades.

Os talleres son gratuítos e están dirixidos a persoas de 14 a 70 anos empadroadas en calquera concello da provincia da Coruña. Nas aulas poderán aprender técnicas de autodefensa e protocolos de actuación no ámbito da defensa persoal. Deste xeito, descubrirán como situarse, afianzarse, saber caer e levantarse, manexarse no chan, moverse e desprazarse ou manter a distancia. Os seminarios terán lugar os sábados en horario de 10:00 a 14:00 horas.

Desde o ente provincial recoméndase que as participantes leven roupa cómoda e deportiva e, se é posible, sen cremalleiras. Durante as sesións o uso da máscara será obrigatorio en todo momento.

Páxinas suxeridas