Estás en:Novas

María Cureses e Raúl Santos gañan o XXXIII Premio Torrente Ballester da Deputación da Coruña

Na categoría en lingua galega resultou gañadora a novela 'Cornucopia', que unha vez aberta a plica resultou ser da autoría de Raúl Manuel Santos Ageitos, de Ribeira

Na categoría en lingua castelá resultou gañadora a novela titulada 'Ni luz ni llanto', que unha vez aberta a plica resultou ser da autoría de María Cureses de la Vega, de Madrid

María Cureses e Raúl Santos gañan o XXXIII Premio Torrente Ballester da Deputación da Coruña

Raúl Santos Ageitos coa novela 'Cornucopia' e María Cureses de la Vega coa novela 'Ni luz nin llanto' son os gañadores da XXXIII edición do Premio Torrente Ballester de narrativa da Deputación da Coruña. A concesión do xurado fíxoa pública esta mañá o deputado de Cultura, Xurxo Couto, acompañado polos comisarios do premio en lingua castelá e en lingua galega, Susana Pedreira e Ramón Rozas.

"Hoxe é un día feliz para a literatura deste país e para a literatura en xeral, porque dous novos nomes veñen sumarse á nómina dos Premios Torrente Ballester de narrativa da Deputación da Coruña" asegurou Xurxo Couto, ao tempo que indicou que "este é un un dos premios máis veteranos dos que convoca esta institución e un dos premios literarios máis prestixiados do panorama literario galego".

Neste sentido, os dous comisarios fixeron fincapé en que as dúas persoas gañadoras da presente edición son un autor e unha autora que están comezando no mundo literario. "Congratulámonos de que a persoa gañadora vaia ver a súa primeira obra publicada grazas a este premio porque unha das vocacións do Torrente Ballester é o de abrir camiños e situar novos nomes no panorama literario" asegurou Ramón Rozas. Pola súa banda, Susana Pedreira tamén se referiu a esta circunstancia asegurando que "o Torrente Ballester descubriu a grandes escritores como Ignacio Martínez de Pisón que gañou hai 30 anos e despois chegou a ser Premio Nacional de Narrativa, e premiou hai 25 anos a Manuel Rivas que tamén foi Premio Nacional de Narrativa, e quen sabe se a actual premiada, María Cureses, seguirá o mesmo camiño".

Raúl Santos. A novela 'Cornucopia' de Raúl Santos, de Ribeira, foi proposta como gañadora por unanimidade por un xurado composto por Xesús Fraga, Montse Dopico, María Marco, Nazaret López e Ricardo Losada. Na acta, o xurado indica que "é unha parodia moi ben construída, e cargada de ironía, sobre o papel do escritor e a literatura". No mesmo informe tamén salienta que "se apoia sobre nunha estrutura fragmentaria na liña da literatura posmoderna, pero sen perder nunca o fío nin o ritmo; cunha narrativa moi fluída e con vocación de establecer unha complicidade coa persoa lectora, pero sen por iso ser compracente".

María Cureses. A novela 'Ni luz ni llanto' de María Cureses, de Madrid, foi proposta como gañadora por maioría por un xurado composto por Ignacio Martínez de Pisón, Dores Tembrás, Domingo Villar, Lucía Taboada e Clara Escajedo. Na acta salientan "a riqueza expresiva da novela e a técnica narrativa coa que achega o tema da violencia contra a muller en Ciudad Juárez, nunha obra que fala da inxustiza, o duelo e a vinganza".

Tras anunciar as obras gañadoras desta edición do Torrente Ballester, tanto o deputado de Cultura como a comisaria e o comisario aproveitaron para poñer en valor o traballo profesional de todo o equipo de persoas que colaboran para chegar ao veredicto do certame, desde as comisións lectoras que leron e valoraron as preto de 500 obras que se presentaron este ano, ata as dez persoas que conformaron os xurados.

Páxinas suxeridas