Estás en:Novas

Ana Lamas destaca Vimianzo como exemplo no ámbito da xestión dos servizos sociais

A deputada de Benestar Social visitou o municipio, onde coñeceu de primeira man o funcionamento da escola infantil e da casa comunitaria de maiores

A alcaldesa, Monica Rodríguez, afirma que o importante catálogo de prestacións sociais co que conta o Concello non podería facerse sen o apoio da Deputación

No encontro analizáronse as melloras susceptibles de implementarse no eido, como a posible ampliación da escola ou o aumento do número de prazas da vivenda comunitaria

Ana Lamas destaca Vimianzo como exemplo no ámbito da xestión dos servizos sociais

A deputada de Benestar Social, Ana Lamas, visitou o concello de Vimianzo, onde se reuniu coa alcaldesa, Mónica Rodríguez, e a concelleira de Benestar Social, María José Pose. No encontro, Lamas destacou que o municipio foi pioneiro na implantación de diversos servizos sociais e que "é un exemplo para a Deputación e toda a provincia, debido á súa aposta no ámbito e ao importante catálogo de prestacións que ofrece".

Na xornada, a deputada e a alcaldesa visitaron a escola infantil, que conta con 61 nenos e nenas, e a casa comunitaria de maiores, que dispón de 12 prazas. Lamas recordou que a Deputación reforzou durante a pandemia a súa aposta social para non deixar a ninguén atrás "e protexer aos colectivos máis vulnerables fronte aos efectos sociais e económicos da covid-19".

Neste sentido, Vimianzo recibiu 215.803 euros do Plan Único Social, dos que 10.000 euros foron dedicados a axudas económicas, 10.000 a subvencións escolares, 202.419 a reforzar o servizo de axuda no fogar (SAF) e 10.000 a servizos para facilitar a conciliación. O ente provincial financiou 8.000 horas do SAF e a contratación dunha educadora social e dous administradores educativos.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez agradeceu a visita da deputada "para coñecer de primeira man algúns dos servizos sociais do municipio", que dedicou este ano un total de 300.000 euros no ámbito. A rexedora trasladoulle a Lamas a situación na que se atopan estas prestacións e as melloras susceptibles de implementarse. Así pois, manifestou a necesidade de estudar novas actuacións no transporte e traslado á escola infantil para dar un mellor servizo ás familias na recollida da rapazada. Tamén notificou que "agora mesmo, despois da ampliación de 20 prazas, a escola infantil conta cun total de 61 nenos e nenas, pero está ao 100% das súas capacidades", informou Rodríguez. "Iso preocúpanos, queremos seguir medrando, polo que é necesario valorar a posibilidade de facer unha nova escola", argumentou.

A rexedora vimiancesa tamén lle transmitiu a Lamas "a opción de ampliar de 12 a 24 o número de prazas da vivenda comunitaria e convertela en fogar, co obxectivo de seguir mellorando as prestacións no noso municipio". A alcaldesa agradeceu o "apoio da Deputación no SAF e co seu servizo de teleasistencia, moi importantes para atender á nosa veciñanza. Sen a axuda provincial non sería posible manter este catálogo de prestacións sociais".

Lamas amosou o seu interese nas peticións e indicoulle ao equipo de goberno de Vimianzo que desde a Deputación estudaranse as posibles axudas para estas propostas co obxectivo de seguir traballando "para ofrecer os mellores servizos á cidadanía de todo o territorio coruñés". A deputada provincial e a alcaldesa coincidiron na posibilidade de que Vimianzo acolla novos proxectos piloto no ámbito social, o que suporía seguir reforzando estas prestacións e "continuar sendo pioneiros".

Páxinas suxeridas