Estás en:Novas

Valentín González Formoso demanda máis recursos para saúde mental en Galicia

O presidente da Deputación visitou hoxe a sede da UTACA, referencia no tratamento das adiccións legais na área sanitaria coruñesa, que atende a 1.400 casos ao ano, o 80% relacionadas co consumo de alcohol

Considera "insuficientes" os 667.000 euros que o SERGAS destina a tratar adiccións legais como a do alcohol, que segundo a directiva de UTACA se incrementou durante a pandemia

A Deputación apoia os programas de rehabilitación e inserción sociolaboral de UTACA

Valentín González Formoso demanda máis recursos para saúde mental en Galicia

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou hoxe a sede da Unidade de Tratamento do Alcohol e Condutas Aditivas (UTACA) na cidade herculina.

González Formoso foi recibido polo presidente de UTACA, Ignacio Bedoya, que lle mostrou as instalacións instaladas na praza Laxes de Orro e explicou os diferentes servizos que a entidade ofrece para o tratamento de todo tipo de adiccións legais (alcohol, tabaco, fármacos, adiccións comportamentais, etc.).

Bedoya explicou que a actividade de UTACA é a atención integral ás persoas adictas e as súas familias cunha actividade terapéutica que inclúe valoración, tratamento, intervención e seguimento nas áreas médica, psicolóxica e social.

O responsable da entidade explicou que UTACA prestou asistencia este ano a unhas 1.400 persoas (669 delas novas consultas) por adiccións legais, sendo o alcohol a adicción principal no 80% dos casos. Unha adicción cuxos efectos se fan visibles nas esferas do social, familiar e laboral, polo que é necesaria unha atención sociosanitaria integral, que ademais do aspecto médico aborde a necesidade de loitar contra a exclusión social. "O alcohol é unha droga legal e a súa prevención é moi complicada", afirmou.

Bedoya explicou que UTACA é a única unidade de tratamento de adiccións legais que ten un convenio coa sanidade pública galega en toda a área sanitaria da Coruña, cunha poboación de 556.000 persoas e 36 centros de saúde e que o financiamento do SERGAS para manter o servizo "non chega para cubrir todos os gastos" polo que temos que buscar a axuda doutras administracións.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, considerou necesario "facer da saúde mental unha prioridade" e "incrementar os recursos" que o SERGAS destina a este fin.

"Os 667.000 euros que o SERGAS destina a tratar adiccións legais como a do alcohol en toda Galicia semellan claramente insuficientes se por exemplo as comparamos cos 5 millóns que se destinan a tratamentos de drogas ilegais", afirmou González Formoso, que se interesou acerca do incremento destas adiccións coa pandemia, que fai que hoxe UTACA atenda a 1.400 persoas ao ano e teña unha lista de espera de 22 días para atender os novos usuarios e usuarias.

O presidente agradeceulles aos profesionais de UTACA, persoal integrado por un médico psiquiatra, dous psicólogos clínicos e unha orientadora laboral, o importante labor que veñen desenvolvendo no eido da rehabilitación e da mellora da empregabilidade das persoas usuarias, cun programa de inserción laboral que conta co apoio económico da Deputación da Coruña e que inclúe itinerarios personalizados, con accións de formación para a adquisición de competencias e habilidades laborais como habilidades sociais, competencias dixitais e habilidades de orientación laboral e busca activa de emprego.

Este programa cofinanciado pola Deputación inclúe 6 itinerarios formativos cunha duración de 56 horas cada un e a participación de máis de 60 persoas ao longo do presente ano.

O presidente da Deputación destacou que "é unha gran satisfacción ver como a nosa pequena axuda é útil para que entidades como UTACA poidan seguir desenvolvendo o seu magnífico labor e mellorar a vida de máis persoas, con máis servizos e mellores instalacións", afirmou.

Ademais das axudas para os programa de rehabilitación e inserción laboral, a Deputación colaborou na mellora das instalacións de UTACA financiando obras como a instalación de novas xanelas na sede e renovando por completo a instalación eléctrica do inmoble, que tiña máis de corenta anos de uso.

Páxinas suxeridas