Estás en:Novas

A Deputación da Coruña e o Concello de Boiro colaboran na organización dun campus de voleibol

Preto de 300 nenos e nenas participan nas escolas deportivas de voleibol do municipio

A Deputación da Coruña e o Concello de Boiro colaboran na organización dun campus de voleibol

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, asinaron na sede da institución provincial un convenio para financiar a celebración dun campus de voleibol na vila.

A celebración deste campus está englobada dentro da programación deportiva que o Concello de Boiro desenvolve para fomentar e promover o deporte de base en distintas modalidades.

Segundo explicou José Ramón Romero, Boiro conta cunha importante actividade deportiva e con preto de 300 nenos e nenas que participan nas escolas deportivas de voleibol. Con este campus ofrécese un servizo dirixido a todos os rapaces e rapazas, de entre 8 e 16 anos, do municipio e a comarca. Esta actividade complementa o campus de voleibol praia que se desenvolve durante o verán e as escolas deportivas de voleibol que se realizan durante o curso escolar.

A actividade ten como obxectivos específicos, ademais de promover a práctica do voleibol, o desenvolvemento xeral da motricidade, motivar os nenos e nenas no proceso de aprendizaxe, fomentar o traballo en equipo e os valores de respecto que implican a práctica deportiva en equipo.

O importe total deste convenio para a celebración dun campus de voleibol é de 20.000 euros, dos que a Deputación da Coruña achega 16.000 e o Concello de Boiro faise cargo do restante.

Páxinas suxeridas