Estás en:Novas

O Premio Raíña Lupa da Deputación pecha as actividades literarias deste ano cunha homenaxe a Agustín Fernández Paz

A homenaxe, que terá lugar o xoves 16 de decembro, porá en valor a obra e a traxectoria do autor que gañara a primeira edición do Premio coa obra "Cos pés no aire"

No mesmo acto entregarase o volume que recolle achegas de varios autores e autoras gañadoras do Raíña Lupa baixo o título 'Palabras para voar' e que inclúe ilustracións de Xosé Cobas

O Premio Raíña Lupa da Deputación pecha as actividades literarias deste ano cunha homenaxe a Agustín Fernández Paz

O xoves 16 de decembro, a Sala Juanjo Gallo da Deputación da Coruña, acollerá a homenaxe ao escritor Agustín Fernández Paz, o que fora o primeiro gañador do premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil. Será nun acto aberto ao público, que dará comezo ás 19h, e no que participarán o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, e diversas figuras da literatura galega que tiveron estreira relación co autor e coa súa obra, como son a escritora e académica Fina Casalderrey, o editor Manuel Bragado, o escritor Paco Martín, a escritora Rosa Aneiros, e a tradutora Isabel Soto.

No mesmo acto, tamén se presentará o caderno-homenaxe 'Palabras para voar' no que varios autores e autoras gañadoras do Premio Raíña Lupa lembran en primeira persoa as súas vivencias en relación a Agustín Fernández Paz. O volume, que foi coordinado pola comisaria do Premio, Helena Torres, inclúe ilustracións de Xosé Cobas e será entregado de balde ao público asistente ao acto.

Doutra banda, o ilustrador Miguelanxo Prado tamén se sumou a esta homenaxe creando unha unha imaxe específica para esta cita, en lembranza dos anos de amizade e de colaboración artística que compartiron ilustrador e autor. A partires desta imaxe, realizáronse marcapáxinas que tamén estarán dispoñibles para o público asistente á homenaxe.

Convén lembrar que en 1998 o escritor Agustín Fernández Paz resultaba gañador da primeira edición do Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil coa obra 'Cos pés no aire'. Neste 2021, cando o Premio acada a súa XV edición, a área de Cultura da Deputación da Coruña homenaxea a figura e a obra do escritor e pecha deste xeito as actividades literarias deste ano ligadas ao Raíña Lupa.

Páxinas suxeridas