Estás en:Novas

Oito proxectos culturais reciben o III Premio Luísa Villalta pola Igualdade

Oito proxectos culturais reciben o III Premio Luísa Villalta pola Igualdade

A deputada de Igualdade, María Muíño, fixo entrega esta maña dos Premios Luísa Villalta pola igualdade aos oito proxectos culturais seleccionados nesta edición do certame. Convén lembrar que nesta edición, e como novidade, as iniciativas que se presentarán ao certame debían estar xa iniciadas ou con continuidade no ano 2020, e que as oito propostas seleccionadas contan cun premio en metálico de 12.500 euros para cada unha.

"Estamos moi satisfeitas pola diversidade en temáticas, disciplinas, ideas e inquedanzas que representan o conxunto dos oito proxectos" asegurou María Muíño durante o acto de entrega, ao tempo que engadiu que "todos obedecen ao obxectivo de impulsar unha sociedade máis xusta e máis democrática". Nesta terceira edición, resultaron premiados desde un proxecto de tradución feminista entre linguas non hexemónicas ata unha iniciativa multidisciplinar que compila testemuñas de mulleres vítimas do franquismo, pasando por audiovisuais e propostas escénicas.

No acto participaron presencialmente representantes de 5 dos proxectos premiados: Victoria Pérez Varela do proxecto 'Os nenos da variola', Gemma Marqués Redondo do proxecto 'Anónimas', Carmen Cotelo e Alba Fernández do proxecto 'As mapoulas', Isa Risco e Nacho Fungueiriño do proxecto 'Bravas', e Domingo Docampo do proxecto 'Traballadoras da liberdade'.

A deputada de Igualdade tamén aproveitou para facer referencia á nómina de proxectos seleccionados nas dúas edicións anteriores e que suman un total de 28 iniciativas que cualificou como "proxectos motores da igualdade". Tamén mencionou de xeito especial á persoa que dá nome ao premio, Luísa Villalta, "poeta, narradora e dramaturga que na súa obra tivo sempre presente a consciencia de ser muller, de vivir nunha sociedade onde os homes e as mulleres están marcados de maneira moi diferente polo feito de selo".

Proxectos seleccionados

As Mapoulas. Mulleres libres de Monte Alto/As Atochas, casas refuxio Laboratorio Escénico S. Coop. Galega
Creación escénica onde se mestura a dramaturxia teatral, a danza, a música, a poesía e o vídeo. A obra c
éntrase na figura histórica de Alicia Dorado, anarquista panadeira de 25 anos, e na súa casa refuxio na rúa do Carmen, na cidade de A Coruña. O proxecto trata a vida das casas refuxio, militancia, o compromiso, as relacións coas outras compañeiras, o barrio e a liberdade nun contexto de gran represión que remata o 10 de xullo de 1937 coa súa morte e a doutras compañeiras/os nun asalto policial.

Os nenos da variola. Victoria Pérez Varela
Adaptación teatral para público xuvenil e adulto da novela homónima de María Solar. Un proxecto escénico de divulgación científica, memoria histórica e de posta en valor dunha muller pioneira esquecida pola historia: Isabel Zendal. Destaca pola súa capacidade de sensibilización e visibilización da igualdade de xénero na ciencia, motivando a reflexión sobre a transcendencia da memoria histórica, ao tempo que incorpora medidas de accesibilidade universal a través da adaptación física, a subtitulación, e acompañamento auditivo.

Bravas. Culturactiva S. Coop. Galega
Propón a posta en valor do papel das mulleres na historia a través do teatro e inclúe, ademais da posta en escena, a realización de vídeos e unidades didácticas. Este proxecto destaca pola capacidade de promoción da igualdade con impacto social e innovación, e pola procura de solucións a problemas sociais a través do traballo colaborado co alumnado.

Traballadoras da liberdade. ABA Films 1 SL
A partir da compilación de testemuñas de mulleres vítimas do franquismo expresa a realización dun libro, un audiovisual, unha exposición e unha unidade didáctica. O proxecto está coordinado co tecido asociativo con capacidade de reflexión sobre a memoria histórica e incorpora medidas que garanten a accesibilidade para persoas con discapacidade auditiva e visual principalmente.

Proxecto Anónimas. Gemma Marqués Redondo
"Anónimas, retratos de musas cotiás" é un proxecto multidisciplinar que combina publicacións, exposicións, deseño gráfico, pintura mural e cursos desde onde reivindicar a todas as mulleres anónimas, especialmente no rural. O proxecto parte da consideración da arte como elemento transformador, polo que ten gran capacidade de impacto e transferibilidade no territorio.

Sementæ: procesos de tradución feminista entre linguas non hexemónicas. María Reimóndez Meilán
É un proxecto concibido para traballar dende linguas non hexemónicas e alterar o corpus de pensamento e práctica feminista internacional. Inclúe un proceso de selección e tradución de textos dende tres linguas non hexemónicas ademais do galego, a súa tradución intermedia a unha lingua hexemónica e, partindo desta, a tradución ás demais linguas escollidas. O resultado será a elaboración dun repositorio onde estarán accesibles ao público os textos tanto
en galego como na lingua orixinal.

Longametraxe documental participativa sobre memoria e relato íntimo feminino: Crías. Xiana Gómez Díaz
Este documental baséase nun arquivo único e pioneiro conformado por materiais da vida cotiá de mulleres contemporáneas: diarios de adolescencia, fotografías, películas e gravacións sonoras recompilados e estudados durante máis de cinco anos. A combinación no filme destes materiais pretende espertar preguntas sobre os espazos íntimos (con marxe para un autorrelato contraditorio, emocións, dúbidas, desexos, experimentos) e públicos (onde un relato alleo é interiorizado, aparecendo o silenciamento e a negación), de xeito que se evidencien cuestións sobre relato, lexitimidade e xénero: quen conta o relato da vida das mulleres? Quen (che) conta a túa propia historiaAutorrelato, re-descubrimento, espazo propio, segredo, silenciamento, ocultación, negación.

Deben falar. Silvia Fernández Romero
Documental sobre a percepción da violencia de xénero no medio rural, co obxectivo de visibilizar o problema a través dun discurso dialóxico, é dicir, dando o lugar central á palabra das participantes e poñéndolle rostro a cada unha delas. Pon o foco na violencia invisible, entendida como aquela aceptada pola sociedade por se entender como algo diferente da violencia de xénero

Páxinas suxeridas