Estás en:Novas

O Plan único da Deputación inviste 159.824 euros para rexenerar e humanizar o lugar do Couto, en Noia

O programa provincial achega 155.890 euros e o concello os 3.994 restantes

As tarefas realizaranse entre os números 10 e 22 da estrada que comunica Ponte de Traba coa DP-4202 e permitirán reorganizar o espazo coa canalización de pluviais

Os residentes nas vivendas da zona disporán de novos espazos peonís e aparcadoiros

O Plan único da Deputación inviste 159.824 euros para rexenerar e humanizar o lugar do Couto, en Noia

Deputación da Coruña, a través do seu Plan único, e o Concello de Noia impulsan a rexeneración urbana e humanización do lugar do Couto. O proxecto permitirá devolverlle de novo o protagonismo para aos peóns, así como mellorar a canalización de pluviais, creando unha contorna moito máis residencial para as persoas que habitan nas vivendas da zona.

As tarefas están en fase de licitación e contan cun orzamento de 159.824 euros, dos que a Deputación achega 155.890 a través do Plan único. Os 3.994 euros restantes son financiados polo concello.

Volver poñer o espazo público ao servizo das persoas

O proxecto levarase a cabo entre os números 10 e 22 da estrada que comunica Ponte de Traba coa vía provincial DP-4202, que conecta á súa vez co barrio de San Lázaro e co núcleo de Berrimes, no concello de Lousame. Os traballos permitirán, primeiramente, reorganizar o espazo coa canalización das augas pluviais a través de colectores enterrados, eliminando así canles de recollida que se atopaban nos laterais do camiño.

Deste xeito, recupérase o espazo que estas ocupaban para a circulación de viandantes e mellórase o sistema de evacuación de augas, contribuíndo a reducir o verdello que se formaba na superficie da estrada. A estes novos colectores conectaranse as baixantes das vivendas existentes.

Tamén se reorganizará a sección viaria, creando un carril central asfaltado para os vehículos e resolvendo ambas marxes cun pavimento de formigón armado de cor gris con acabado anteescorregadizo. Este espazo dedicado ao peón tamén disporá de novas árbores.

Mellora da accesibilidade

Así mesmo, crearanse espazos de aparcadoiro diante das vivendas, para facilitarlles ás persoas residentes os seus desprazamentos en coche, xerando un ambiente máis acorde co lugar. As obras contribuirán a incrementar a accesibilidade da zona, xa que entre o pavimento da estrada e o formigón das beirarrúas non existirá un cambio de altura, o que garante a accesibilidade universal.

"O Plan único volve demostrar que é de enorme utilidade para a mellora, acondicionamento e renovación de servizos e infraestruturas municipais, adaptándose ás demandas dos Concellos, posto que son eles os que mellor coñecen a súa realidade e ás necesidades da veciñanza", indicou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso. O Plan único xa levou a cabo máis de 2.700 obras na provincia desde o ano 2017.

Páxinas suxeridas