Estás en:Novas

A Deputación mellora a seguridade e a accesibilidade na contorna do colexio CPR Loyola, en Mugardos

O colexio contará cun novo aparcadoiro, sendas peonís nos accesos e bandas reductoras da velocidade dos vehículos para mellorar a seguridade dos escolares

A actuación será financiada co Plan único, que ademais financia un proxecto de mellora de camiños no municipio e a adquisición dun novo vehículo para a Policía Local, cun investimento total de 180.000 euros

Valentín González Formoso sinala a "utilidade do Plan único para a mellora de infraestruturas e servizos municipais, que permitiu levar a cabo máis de 2.700 obras na provincia"

A Deputación mellora a seguridade e a accesibilidade na contorna do colexio CPR Loyola, en Mugardos

A Deputación da Coruña destina, a través do Plan único, 70.000 euros para financiar na súa totalidade o proxecto de mellora da seguridade e da accesibilidade na contorna do CPR Loyola, no Concello de Mugardos.

As obras, en fase de licitación, teñen como obxectivo solucionar os problemas de circulación, tanto de peóns como do tráfico rodado, que se producen á entrada e saída dos nenos e nenas do colexio debido á afluencia masiva de vehículos ao centro docente nestes tramos horarios.

Para iso, por unha banda, habilitarase unha parcela anexa ao colexio como aparcamento coa finalidade de retirar ao redor de 30 vehículos no ámbito, e, pola outra, mellorarase a seguridade e a accesibilidade nos itinerarios de acceso ao colexio con catro puntos de actuación: a execución dos pavimentos e sinalización no cruzamento peonil da rúa Xesteira, a unión entre a senda peonil da marxe esquerda da estrada AC-133 coa da rúa Curros Enríquez, a execución dun novo cruzamento peonil na rúa Curros Enríquez e a sinalización dun itinerario peonil na marxe dereita desta rúa desde o cruce peonil indicado no punto anterior. Por último, instalaranse bandas redutoras de velocidade a ambos lados do cruzamento da rúa Xesteira e ao final do aparcadoiro.

O Plan único inviste 180.407,31 euros en Mugardos

Ademais do proxecto para a mellora da seguridade na contorna do CPR Loyola, actualmente están a licitación doutros dous proxectos financiados tamén na súa totalidade a través do Plan único provincial, o que suma así un total de 180.407,31 euros de investimento para Mugardos.

O primeiro consiste no acondicionamento e mellora de servizos en 6 vías e camiños e conta cun orzamento de 80.869 euros. No camiño da Redonda de Abaixo, no de Franza de Abaixo e no de Boado acondicionarase o firme con pavimento asfáltico. En Cruz de Mehá, ademais da mellora do firme, instalarase a canalización de augas pluviais. En Fieiteiras e Celso Emilio Ferreiro os traballos de renovación da vía inclúen tamén a preinstalación necesaria para unha posterior conexión á rede de saneamento.

Por último, destínanse 30.000 euros para a adquisición dun vehículo para a Policía Local de Mugardos. Será un furgón con dobre cabina totalmente equipado para prestar servizo como vehículo patrulla e realizar as funcións básicas diarias.

Páxinas suxeridas