Estás en:Novas

Valentín González Formoso compromete o apoio da Deputación para o proxecto de ampliación da residencia de AMICOS en Boiro

O presidente da Deputación explica que "a nosa bandeira é a protección social, se nun momento temos que circular por unha estrada que necesite estar aglomerada pero poida esperar 5 anos máis, esperará, pero o que non pode esperar é que unha discapacidade estea sen apoiar"

Destaca á entidade como "referencia de innovación social en Galicia" e a importancia da Economía Social para impulsar a inclusión e xerar emprego e oportunidades no rural

A directiva da entidade subliña o "apoio fundamental" da Deputación da Coruña tanto no labor social que realiza a entidade como na axuda para situala na vangarda en aspectos como dixitalización e eficiencia enerxética

A Deputación financia o servizo de residencia para persoas en situación de emerxencia social e apoiou económicamente a dixitalización e a mellora da eficiencia enerxética de AMICOS, que será o primeiro centro social de España con "cero emisións"

González Formoso e José Ramón Romero inauguraron tamén en Boiro a nova cuberta do praza de Galicia, que conta cun sistema de iluminación solar fotovoltaica

Valentín González Formoso compromete o apoio da Deputación para o proxecto de ampliación da residencia de AMICOS en Boiro

O presidente da Deputación, o alcalde de Boiro e as deputadas de Bienestar Social e Educación recibiron como agasallo retratos elaborados polos usuarios do centro

Valentín González Formoso comprometeu hoxe o apoio da Deputación da Coruña para levar a cabo o proxecto de ampliación da residencia para grandes dependentes e AMICOS, que funciona as 24 horas, os 365 días do ano e ten unha ocupación do 100% e unha elevada demanda.

Acompañado do alcalde da localidade, José Ramón Romero, e das deputadas de Educación e Benestar Social, Sandra González e Ana Lamas, Valentín González Formoso visitou o centro de Atención Integral de AMICOS en Boiro, onde foi recibido pola presidenta da entidade, Esther Vidal, a vicepresidenta, Diana Iglesias e o director xeral, Xoán España, que explicaron os diferentes programas e servizos que ofrecen nos seus centros a máis de 600 persoas con diversidade funcional nunha ampla zona xeográfica que vai desde Vilagarcía ata Outes.

O presidente da Deputación explicou que "a nosa bandeira é a protección social" algo que cualificou como "un tema de país". "O apoio para o proxecto que vai a emprender AMICOS é a nosa obriga e, se nun momento determinado temos que circular por unha estrada que necesite estar aglomerada pero poida esperar 5 anos máis esperará pero o que non pode esperar é que unha discapacidade estea sen apoiar, sen entender e sen atender. Se nós non estamos con eles ou con elas non teñen outra protección.", afirmou.

"Nunca son suficientes os recursos pero temos que facer todo o esforzo posible para entender que, cando unha presidenta dunha entidade está pedindo algo non está facendo un exercicio de imaxinación, o que está facendo é pedir que concretemos as administracións as nosas prioridades, que non poden ser outras que estar ao carón da xente", reiterou.

Para González Formoso "desde unha institución que leva ao carón das entidades sociais durante décadas, cun labor calado pero permanente, sen nunca deixalas abandonas, é un orgullo visitar AMICOS, unha referencia no eido da protección das discapacidades, na integración, no modo de facer as cousas, de estar ao carón das familias" e agradeceu "a dedicación que tedes a isto, que compartimos todos, e é unha alegría como sociedade ver que se fan as cousas ben".

Destacou que AMICOS "é unha referencia en innovación social en Galicia" e representa "un modelo a seguir para o futuro das entidades sociais, polo que temos que seguir investindo e apoiándoos en todo o que poidamos no importante labor que desenvolven no eido social".

Entre eles están servizos destinados aos máis pequenos como os programas de atención temperá e educación especial dos que se benefician preto de medio centenar de menores; programas de rehabilitación, terapia ocupacional, obradoiros, inserción social e laboral, formación para o emprego, centro de día, etc... que chegan a máis de 500 persoas con programas individualizados en función das necesidades de cada persoa, e unha residencia para grandes dependentes que conta actualmente con 37 prazas.

González Formoso explicou que a residencia é un dos servizos de AMICOS que conta co apoio económico da Deputación, que financia con achegas de entre 15.000 e 20.000 euros cada ano o servizo para persoas en situación de emerxencia social cuxas familias non poden facerse cargo do importante custo que supón a praza, que ronda os 2.300 euros mensuais no sector privado, polo que "é imprescindible o apoio e o compromiso das administracións".

A presidenta de AMICOS, Esther Vidal, agradeceu "a colaboración da Deputación, da que sempre tivemos apoio, agora vamos recibir un vehículo e tamén a emprender outro proxecto máis, o da ampliación da residencia, para o que xa temos a licencia municipal e estamos á espera dos cartos".

Importancia da Economía Social no futuro de Galicia

Ademais de subliñar a "dimensión social" de AMICOS "que mellora a vida de centos de persoas especialmente vulnerables e das súas familias", Valentín González Formoso remarcou tamén "a importancia clave da Economía Social no futuro e na recuperación económica de Galicia, xa que ademais de axudar á inclusión e a igualdade, ten un efecto tractor na creación de emprego e oportunidades no rural".

Neste sentido, considerou "unha gran oportunidade" o PERTE (Proxecto estratéxico para recuperación e transformación económica) anunciado polo presidente do Goberno de España no eido da Economía Social e os Coidados.

O presidente anunciou tamén a próxima entrega, a principios de 2022, dun novo vehículo de transporte adaptado para os usuarios e usuarias de AMICOS. Será un dos cinco que a Deputación vén de adquirir para outras tantas entidades sociais da provincia.

AMICOS, á vangarda en dixitalización e eficiencia enerxética

Valentín González interesouse tamén polos investimentos cofinanciados pola Deputación da Coruña para a dixitalización e mellora da eficiencia enerxética nas instalacións de AMICOS, que incluíron a instalación de paneis de enerxía solar fotovoltaica e que durante este ano supuxeron algo máis de 50.000 euros.

"Amicos será o primeiro centro social de España con cero emisións, algo medible e validado por AENOR o MITECO", afirmou o director xeral da entidade, Xoán España, que sostivo que, ademais de cumprir cos obxectivos ODS da Axenda 2030 e situar o centro na vangarda estatal neste ámbito, esta aposta supón para AMICOS un importante aforro económico cada ano.

España afirmou que "un dos motores deste centro foi sempre a Deputación da Coruña" e agradeceu o apoio da institución provincial para os distintos programas e servizos que oferta o centro aos seus usuarios.

O director xeral da entidade puxo tamén en valor a importancia da Economía Social que "xera actividade económica e oportunidades, ao mesmo tempo que mellora a vida das persoas" e detallou que varios estudos indican que cada euro investido no eido social xera un impacto social e económico de cinco.

Cuberta con iluminación solar fotovoltaica na praza de Galicia

Valentín González Formoso e José Ramón Romero inauguraron tamén esta mañá a nova cuberta do parque infantil da céntrica Praza de Galicia boirense, que conta cun sistema de iluminación solar fotovoltaica.

As obras supuxeron un investimento de 247.740 euros, financiados ao 100% polo Plan único da Deputación e permitiron dotar a zona dunha gran cuberta tipo pérgola de 22x32 metros que servirá como abrigo tanto os pequenos que usan o parque infantil existente como da parada de transporte público contigua.

González Formoso, apuntou que "as obras responden á demanda da veciñanza de Boiro para que os cativos dispoñan dun lugar axeitado para xogar durante o inverno, así como para cubrir da choiva a parada do autobús e o acceso ao aparcamento público", afirmou.

"Esta obra é un bo exemplo de como o Plan único é unha ferramenta útil para mellorar as infraestruturas e servizos municipais, deixando ademais que sexan os propios concellos os que decidan cales son as súas prioridades e necesidades. Aínda que a Deputación financia os traballos, foi o Concello de Boiro o que decidiu facer esta obra, que mellora a vida dos veciños e que aposta pola eficiencia enerxética polo que é unha idea da que de seguro tomarán nota noutros municipios", afirmou Valentín González Formoso.

Pola súa banda o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, agradeceu o apoio da Deputación "que está sempre aí cando chamamos á súa porta, neste caso a través do Plan único que tanto axuda aos Concellos" e expresou a súa satisfacción porque os nenos e nenas de Boiro xa poderán "desfrutar deste espazo no Nadal".

A nova estrutura está formada por pórticos de madeira laminada e peche a base de láminas de policarbonato celular de 16 mm e conta con protección fronte aos raios UV para garantir o control da calor e da radiación solar emitida no interior do espazo cuberto. O espazo conta con iluminación mediante tiras LED integradas nun perfil de aluminio e con cargadores USB de intemperie con resistencia ao po e a humidade. Este sistema de alumamento e cargadores USB está alimentado polo sistema de paneis solares fotovoltaico instalado na parte superior da cuberta.

Desde a súa creación en 2017, o Plan único da Deputación da Coruña financiou 2.727 obras nos 93 concellos da provincia, das que 72 foron de creación e mellora de parques públicos e infantís, nas que se investiron 7.256.444 euros.

Páxinas suxeridas