Estás en:Novas

A Marea Atlántica ofrécese a levar á Deputación a axenda de Betanzos Novo

O grupo provincial da Marea Atlántica iniciou onte unha serie
de encontros coas formacións municipalistas da comarca,
para tecer redes que fortalezan as políticas do cambio
A protección do Parque do Pensamento ou a mellora do
proxecto para a senda dos Caneiros son algúns dos temas que
a Marea Atlántica trasladará á Deputación

A Marea Atlántica ofrécese a levar á Deputación a axenda de Betanzos Novo

O voceiro da Marea Atlántica na Deputación da Coruña, Daniel Díaz Grandío, mantivo un encontro cos concelleiros de Betanzos Novo, Hipólito Pérez e Xosé Vales, para coñecer de primeira man os problemas da vila betanceira e poder trasladalos á institución provincial.


Con esta cita comeza unha rolda de contactos entre o grupo provincial da Marea Atlántica e as distintas mareas municipalistas da comarca, coa intención de tecer redes que reforcen o espazo político do cambio, e permitir que a súa voz chegue á Deputación. O municipalismo baséase no
traballo local, pero tamén nas redes de colaboración entre as distintas vilas e cidades, onde as loitas son similares.

 

Entre os asuntos tratados está a necesidade de impulsar a declaración do Parque do Pasatempo como Ben de Interese Cultural, que leva décadas de atraso, e mellorar a súa protección. Por declaracións á prensa do alcalde de Betanzos, sábese que existe un estudo provincial para rehabilitalo, do que nacerá un plan de 1,2 millóns de euros. Pero aínda son se coñecen os detalles nin os prazos desa actuación.

 

Este espazo histórico, ligado á identidade da vila, merece máis que unha serie de obras faraónicas sen actividade. É necesario encher de contido e
vida o parque, non levantar estruturas para logo esquecelas, como ocorreu coa xa moi deteriorada ponte de madeira.


Tamén se puxo sobre a mesa a mellora do proxecto do paseo fluvial dos Caneiros, un proxecto no que a Deputación pensa investir 543.000 euros.
Neste sentido, Betanzos Novo apoia o plan deseñado por dez organizacións locais, que o vindeiro martes se debaterá no pleno: mellor protección ambiental, contención do gasto, e porta pechada á especulación urbanística na zona.