Estás en:Novas

A FAEPAC OFRECE UN SERVIZO GRATUÍTO DE ASESORAMENTO PARA OS AFECTADOS POLOS CORTES DE SUBMINISTRACIÓN ELÉCTRICA

Tras o rogo presentado onte por Compostela Aberta, a Deputación provincial pon en marcha o asesoramento a particulares e concellos para reclamar polos cortes de luz do pasado temporal

A FAEPAC OFRECE UN SERVIZO GRATUÍTO DE ASESORAMENTO PARA OS AFECTADOS POLOS CORTES DE SUBMINISTRACIÓN ELÉCTRICA

Tras o rogo rexistrado polo Grupo Provincial de Compostela Aberta o pasado 8 de febreiro, a Deputación da Coruña pon en marcha, a través da Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña -FAEPAC- un servizo de asesoramento na redacción e presentación de reclamacións para os afectados polos cortes de subministración eléctrica.

O forte temporal de inicios de febreiro causou numerosos cortes de luz en concellos da provincia e da comarca de Compostela, como Ames, Teo ou Oroso, que causaron serios prexuízos á cidadanía.

Os afectados poden contactar coa FAEPAC a través do teléfono 981 102 111 e do correo electrónico senluz@faepac.org. Os especialistas da FAEPAC asesorarán sobre os pasos que hai que seguir para a presentación das reclamacións en calquera das tres vías posibles: ante a distribuidora por vía amistosa, a través das oficinas de Consumo ou por vía xudicial.

As persoas usuarias teñen dereito a recibir compensacións polos danos e inconvenientes que os fallos nas subministracións puideran ocasionar, como a perda de alimentos almacenados en conxeladores e refrixeradores ou danos irreversibles en aparatos electrónicos coma televisores ou ordenadores.

 

Fonte e máis información