Estás en:Novas

A Deputación destina 150.000 euros a equipar espazos da ala sur do Museo do Pobo Galego

A través dun convenio de colaboración entre ambas as institucións, dotarase a zona rehabilitada da ala sur do Museo dos equipamentos e servizos necesarios para abrir ao público a sala de historia 'A Galicia Medieval'

A Deputación destina 150.000 euros a equipar espazos da ala sur do Museo do Pobo Galego

O Museo do Pobo Galego contará cos equipamentos e servizos necesarios para abrir a sala de historia "A Galicia Medieval' grazas a unha achega da Deputación da Coruña de 150.000 euros. Esta achega formalizarase nun convenio que será sometido a votación no vindeiro Pleno provincial que terá lugar mañá, martes 21 de decembro.

"Este investimento contribúe a facer posible que se vaian completando as salas de Historia de Galicia que está implementando o Museo do Pobo Galego, co obxecto de ofrecer un percorrido desde a Prehistoria ata a actualidade" asegura o deputado de Cultura, Xurxo Couto. O deputado tamén indica que "desde a área de Cultura consideramos que esta achega económica permitirá ampliar a oferta expositiva do Museo histórico máis representativo do país, o que redundará no conxunto da sociedade tanto da provincia e de toda Galiza, como do público visitante".

A apertura ao público da futura sala 'A Galicia Medieval' será posible tras rehabilitación da ala sur do convento de Bonaval, que puxo a disposición do Museo do Pobo Galego un conxunto de espazos que consonte á súa programación teñen como finalidade principal a ampliación da exposición permanente, a ampliación e mellora das salas de exposición temporal, e a dotación e/ou mellora dos servizos do museo.

Segundo se explicita no convenio, o proxecto supón ocupar espazos da zona rehabilitada na ala sur, que require, con carácter previo á montaxe dos módulos expositivos a realización dunha serie de actuacións de base: montaxe dunha rede intranet que dea servizo a esta zona e poder instalar o control centralizado dos audiovisuais dos módulos expositivos, adquirir equipamento e mobiliario de apoio necesario para poder abrir ao público esta área e instalar o modulo expositivo 4 que corresponde coa Idade Media.

Páxinas suxeridas