Estás en:Novas

A Deputación difunde o legado de Pardo Bazán cunha edición facsimilar da súa obra “De mi tierra”

O ente provincial conmemora o centenario do seu pasamento coa reprodución fiel do libro orixinal da escritora, que está composto por artigos, discursos e reflexións, todos eles con Galicia como fío condutor

Unha peza coidada e de coleccionista que se porá proximamente á venda e se distribuirá a bibliotecas e centros educativos da provincia

"As novelas, poemas e ensaios de Pardo Bazán son un valioso legado cultural que temos que conservar con mimo, para que poida ser transmitido ás futuras xeracións", indicou González Formoso

A Deputación difunde o legado de Pardo Bazán cunha edición facsimilar da súa obra “De mi tierra”

A Deputación da Coruña conmemora o centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán coa edición facsimilar da súa obra "De mi tierra". Unha reprodución fiel do libro orixinal da escritora, que está composto por diferentes artigos, discursos, intervencións e reflexións da autora en diversos ámbitos, todos eles vencellados á súa terra, Galicia.

"Reeditar a súa obra é a mellor forma que temos de conmemorar o centenario desta importante figura, as súas novelas, poemas e ensaios son un valioso legado cultural que temos que conservar con mimo, para que poida ser transmitido ás futuras xeracións", expresou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso. "É un verdadeiro agasallo poder colaborar desde a entidade que presido para dar lugar a unha peza tan coidada coma esta, de coleccionista", manifesta.

A edición da publicación está feita a partir dun exemplar custodiado na biblioteca da Real Academia Galega. A obra componse de elementos diversos que se conectan entre si por facer referencia a autores, libros, monumentos e paisaxes galegos, segundo se sinala no propio prólogo. Unha páxinas "que nos achegan á sociedade, patrimonio e paisaxe galegas dunha forma única", incide Formoso

A edición do libro inclúe "La poesía regional gallega", o discurso íntegro e manuscrito por Pardo Bazán, coa reprodución facsímile exacta das fichas que a propia escritora levou para ler na velada para honrar a memoria de Rosalía de Castro. Un encontro celebrado no Liceo de Artesáns da Coruña o día 2 de setembro de 1885.

A obra tamén contén palabras en referencia ao Padre Feijóo, coma o discurso presidencial "Feijóo y susiglo", lido no Certame Literario que, para solemnizar a erección da estatua de Feijóo, se celebrou na cidade de Ourense o 10 de setembro de 1887. Así mesmo, nas coidadas páxinas da edición pódense ler tamén "El olor de la tierra", "Luz de luna", "Vides y rosas", "El cancionero popular gallego", "La casa solariega del Padre Feijóo", "Una visita a San Rosendo y su Monasterio, en Celanova", "El castillo de Sobroso" o "El país de las benditas ánimas".

"De mi tierra" porase proximamente á venda e distribuirase tamén en diferentes bibliotecas e centros educativos da provincia da Coruña co obxectivo de levar o legado de Pardo Bazán a toda a cidadanía.