Estás en:Novas

A Deputación aprobará un investimento de 647.000 euros para a mellora da seguridade viaria en Bermún, en Cee

Valentín González Formoso visitou a zona coa alcaldesa Margarita Lamela para avaliar a mellora que suporán as obras para a veciñanza e para o alumnado da escola infantil

O proxecto, que foi respaldado por unanimidade en comisión informativa, irá ao pleno do mes de febreiro para a súa aprobación definitiva

A actuación inclúe a construción dunha rotonda, a mellora e ampliación das beirarrúas e a renovación dos servizos

A Deputación aprobará un investimento de 647.000 euros para a mellora da seguridade viaria en Bermún, en Cee

A Deputación da Coruña aprobará no pleno ordinario deste mes de febreiro un proxecto para a mellora da seguridade viaria na DP-2303 en Bermún, no Concello de Cee, que conta cun investimento de 647,220,11 euros e que xa foi respaldado por unanimidade en comisión informativa.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, visitou nas últimas horas a zona acompañado da alcaldesa de Cee, Margarita Lamelas, para avaliar o impacto que terá esta mellora para os veciños e veciños do lugar e tamén para os usuarios e usuarias da escola infantil situada nesta zona.

Por unha banda, a actuación inclúe a mellora dos itinerarios peonís, acondicionando as beirarrúas existentes e ampliándoas ata os dous metros. Ademais, renovarase o pavimento da senda de aglomerado existente e prolongarase esta cara o sur, ata o cruce coa estrada AC-552, e cara o norte, neste caso por ambas as marxes da vía, construíndo dúas sendas de 2 metros de ancho ata a finalización do núcleo de Bermún, dotándose na marxe esquerda dunha banda de aparcamentos en liña.

En canto ao tráfico, construirase unha rotonda de 28 metros de diámetro exterior e 12 metros de diámetro interior para facilitar as diferentes manobras e provocar unha importante diminución da velocidade á que pasan os vehículos actualmente por esta zona poboada.

Por último, mellorarase a drenaxe do tramo que vai do PK 11+000 ao PK 11+200 coa instalación dunha cuneta de seguridade dotada de sumidoiros e tubaxe de pluviais para evitar a acumulación de auga na vía. As obras completaranse coa renovación da sinalización tanto vertical como horizontal.

A alcaldesa, Margarita Lamela, destacou a importante mellora que esta obra demandada polo concello suporá para a mellora da seguridade na zona e agradeceu a visita do presidente para coñecer in situ o enclave onde se acometerá esta importante actuación.

Lamela destacou tamén que o Concello de Cee vén de adxudicar a segunda fase da traída de augas a Bermún-Pereiriña, unha obra do Plan Único provincial que supón un investimento de 102.000 euros e que mellorará o servizo de abastecemento de auga á veciñanza da zona.