Estás en:Novas

A Deputación destina 750.000 euros a axudas a entidades para actividades e investimentos de promoción económica

"Atendendo as demandas dos colectivos do comercio, incorporamos os salarios das persoas traballadoras como concepto subvencionable, co obxectivo de impulsar o emprego e dar apoio ao sector", indica o deputado de Promoción Económica, Blas García.

As subvencións diríxense a colexios e asociacións de profesionais, cámaras de comercio, entidades asociativas e representativas dalgún sector profesional, comercial ou empresarial e e asociacións de veciños veciñas e de mulleres rurais.

A Deputación destina 750.000 euros a axudas a entidades para actividades e investimentos de promoción económica

A Deputación da Coruña vén de publicar no Boletín Oficial da Provincia (BOP) as bases reguladoras das dúas liñas de subvencións dirixidas a entidades para a realización de actividades e investimentos de promoción económica neste ano 2022 e que, en total, contan cun orzamento de 750.000 euros.

Estes programas diríxense a entidades sen ánimo de lucro tales como colexios e asociacións profesionais; cámaras de comercio; entidades asociativas e representativas dalgún sector profesional, comercial ou empresarial; e asociacións de veciños e veciñas e de mulleres rurais.

No caso da liña para a realización de actividades, que conta cun orzamento de 450.000 euros, as contías das subvencións oscilan entre un mínimo de 1.500 euros e un máximo de 28.000 euros, que se dedicarán ao financiamento dos custos de organización de actividades como congresos, exposicións, talleres, xornadas, estudos e seminarios; festas de recoñecido interese turístico e feiras de artesanía e exaltación de produtos típicos da zona; iniciativas de difusión e animación do comercio local; e apoio ás liñas de comercialización e promoción dos produtos de calidade. Ademais, este ano, como principal novidade, incorporáronse os soldos, salarios e Seguridade Social do persoal traballador como concepto subvencionable.

O deputado de Promoción Económica, Blas García, destacou o importante apoio que a Deputación ofrece con estes programas de axudas e explicou que "atendendo ás demandas dos colectivos do comercio, permitimos sufragar a través desta liña os salarios do persoal co obxectivo de impulsar o emprego e dar apoio ao sector, moi afectado pola crise xerada pola pandemia".

Para as axudas á realización de investimentos para a promoción económica o orzamento que destina a Deputación da Coruña é de 300.000 euros. As contías da subvención oscilan entre os 1.200 euros e os 28.000 euros, que permitirán ás entidades beneficiarias levar a cabo accións como a reforma e mellora de locais sociais; adquisición de mobiliario ou equipamento informático; actuacións de saneamento, abastecemento de auga, acondicionamento de camiños ou iluminación pública; ou investimentos na hostalaría e o comercio para adaptalos á normativa vixente en materias como accesibilidade, equipamentos contra incendios ou instalacións eléctricas, entre outras.

O prazo para solicitar as subvencións publicarase no BOP co extracto das convocatorias. As propostas deberán presentarse vía telemática a través da plataforma SUBTeL da Deputación.