Estás en:Novas

A rehabilitación da nave do polbo do recinto feiral de Moeche estará rematada para a feira do 23 de abril

Esta é unha das actuacións que o Concello realizou ao abeiro do Plan Único da Deputación do exercicio 2021

O vicepresidente, Xosé Regueira, a deputada María Muíño, e a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, realizaron esta mañá unha visita a estas obras que se atopan xa na súa fase final

A rehabilitación da nave do polbo do recinto feiral de Moeche estará rematada para a feira do 23 de abril

O vicepresidente e deputado de Plans, Xosé Regueira, a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, e a deputada María Muíño, visitaron esta mañá as obras de rehabilitación da nave do polbo de San Ramón, unha das últimas intervencións que se están a acometer no Concello de Moeche con cargo ao Plan Único 2021 da Deputación.

A rehabilitación conta cun importe de adxudicación de 97.168,34 euros e está previsto que estea rematada para a feira do 23 de abril e desde o Concello espérase que a licitación pública para o seu uso estea tamén iniciada no vindeiro mes. Durante a visita, a alcaldesa indicou que "estas obras son un exemplo de que o novo modelo de financiamento da Deputación é un acerto para concellos pequenos e medianos, e esta obra en concreto permitiranos recuperar un espazo moi significativo para os visitantes da feira e nomeadamente para a nosa veciñanza". Pola súa banda, o vicepresidente asegurou que "Moeche é un exemplo de concello rural e pequeno que é capaz de facer das súas potencialidades un centro neurálxico da economía produtiva agrogandeira da comarca e esta obra de rehabilitación enmárcase nesta filosofía".

A execución desta obra implica un paso máis na renovación e mellora do conxunto do recinto feiral iniciada hai uns anos polo Concello de Moeche e está a supoñer a renovación integral do edificio da Nave do Polbo. Dunha banda, estase a adaptar á normativa vixente en materia de accesibilidade, dotándoo dunha entrada sen barreiras arquitectónicas pola fachada sur e habilitando aseos con dimensións axeitadas para ser utilizados por persoas con mobilidade reducida. Tamén se están a mellorar as condicións de uso e a fisonomía interior e exterior do edificio, seguindo a liña doutras construcións do recinto xa rehabilitadas, como foi a Nave do Mercado. Para isto, substituiranse as fiestras e portas, renovarase o chan, pintarase o edificio por dentro e por fóra e colocarase unha nova instalación eléctrica e de fontanería. Tamén se retirou xa a vella cuberta de fibrocemento, que foi substituída por outra de tipo "panel-sandwich", en cor verde similar á xa instalada nos outros edificios rehabilitados.

Outras actuacións do Plan Único 2021
Outras das obras que se está a executar no Concello de Moeche con cargo ao Plan Único 2021 é o proxecto de Pavimentación de camiños Pradochao, San Xurxo, Ponte do Sur e Vigo", adxudicado por un importe de 44.316,42. Esta actuación ten por obxectivo a reparación da pista de Pradochao, en Abade (315 m), e outras tres en San Xurxo. Estas últimas son o camiño estreito que enlaza a estrada provincial co cemiterio pasando por diante da igrexa parroquial, de 160 metros; o acceso á Área Recreativa de Soutogrande desde a DP-4901 (270 m) e, pechando o bloque de obras na zona, o arranxo do eixo entre Vigo e A Trémoa sobre unha distancia total de 300 metros dos cales 225 irán asfaltados.

Antes das vacacións do Nadal botou a andar o paquete de reparación viaria denominado "Pavimentación de camiños en Abade, San Ramón, Balocos e Ramil". Esta actuación, xa rematada, abrangueu seis eixes viarios das parroquias de San Xoán e Abade. O eixo de maior distancia (1.050 m) é o que enlaza Balocos con Piñeiro, onde se limparon as gabias e se restaurou o pavimento, mentres que en San Ramón -tamén na parroquia de San Xoán- traballouse sobre a totalidade dun trazado de 275 metros.Este plan de obras, adxudicado en 46.935 euros, inlcuíu tamén a reparación doutras vías situadas na parroquia de Abade.

No mes de setembro remataba a obra de 'Mellora de iluminación na Área Recreativa de Souto Grande e outro' que fora adxudicada por 17.554,08 euros e mediante a cal se dotou dunha nova iluminación a área recreativa de Souto Grande e ampliouse á zona do Cabanel, espazo de xuntanzas familiares e sociais no verán, continuando deste xeito co proxecto de mellora e modernización da área iniciada hai 3 anos. Completouse o proxecto coa nova iluminación da instalación deportiva municipal para a práctica do pádel no exterior.

Tamén está xa executada a actuación 'Ampliación da rede de abastecemento municipal aos núcleos de Loureiro, A Casatellada e Os Acivros', na parroquia de Santa Cruz, que contou cun orzamento de 33.463.53 euros.