Estás en:Novas

A Deputación promove a publicación da obra completa do dramaturgo Manuel Lourenzo

Recolle un total de 300 pezas teatrais, de diferente extensión e tipoloxía, reunida en sete volumes e editada pola Federación Galiza Cultura cunha subvención da área provincial de Cultura

A Deputación promove a publicación da obra completa do dramaturgo Manuel Lourenzo

A biblioteca provincial acolleu esta mañá a presentación dos catro primeiros volumes que recollen a obra completa de Manuel Lourenzo e na que participaron, ademais do propio dramaturgo, o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, e o presidente da Federación Galiza Cultura, Xosé Manuel Carril.

A edición e publicación das 300 pezas teatrais que conforman a obra de Manuel Lourenzo estará rematada a mediados de xuño nun total de sete volumes, editados e publicados pola Federación Galiza Cultura cunha subvención da área provincial de Cultura. Un traballo que compila "a obra dun dos imprescindibles o teatro galego" en palabras de Xosé Regueira, quen indicou que "se trata dun proxecto que, ademais de ser fermoso, é tamén necesario para a cultura e para o país".

Os catro volumes que xa están editados recollen preto de 50 anos da produción teatral de Manuel Lourenzo. O primeiro volume abrangue a dramaturxia comprendida entre 1960 e 1882, o segundo vai de 1983 ata 1996, o terceiro de 1997 ata 2006, e o cuarto de 2007 ata 2009. Manuel Lourenzo aproveitou a presentación para agradecer o esforzo de todas as persoas que se implicaron na recuperación e organización de todas as súas pezas teatrais, de diferente extensión e tipoloxía, e que supuxo tres anos de traballo.

Pola súa banda, Xosé Manuel Carril explicou que o 60% das pezas que se editan son traballos inéditos e fixo fincapé en que este proxecto está orientado a divulgar a obra "do dramaturgo máis prolífico do país" para facela accesible a todo tipo de públicos pero, especialmente, para compañías teatrais profesionais, grupos de teatro amadores e disciplinas relacionadas coas artes escénicas. "Grazas a Manuel Lourenzo hai teatro galego e hai teatro para Galiza" asegurou.