Estás en:Novas

A Deputación da Coruña convoca os festivais a unha xornada formativa para mellorar os impactos positivos dos eventos

Celébrase o 21 de maio coa participación de persoas expertas en accesibilidade, enerxía, residuos e patrimonio, e coa Axenda 2030 como eixo de acción

Na xornada presentarase ademais a 'Guía sobre festivais e sustentabilidade', editada pola Deputación da Coruña como un manual de utilidade para axentes responsables de eventos e co obxectivo específico de mellorar as alianzas coa administración como cofinanciadora dos festivais

A Deputación da Coruña convoca os festivais a unha xornada formativa para mellorar os impactos positivos dos eventos

Con carácter práctico e co obxectivo de acompañar os festivais no camiño cara a sustentabilidade. Así se formula a Xornada "Impacto positivo: unha alianza festivais-administración" no marco da programación "A cultura é un dereito", que se celebra o 21 de maio impulsada pola área de Cultura da Deputación da Coruña. Na xornada, cuxa inscrición é gratuíta, abordaranse de maneira específica os impactos dos festivais en ámbitos como a accesibilidade, enerxía, residuos, auga, e patrimonio. A Deputación da Coruña, que someteu a revisión as súas liñas de subvencións a festivais incorporando de maneira máis clara os criterios de sustentabilidade, anima a axentes e entidades responsables dos eventos a ampliar a súa formación nesta xornada que se desenvolve o sábado 21 na sala Juanjo Gallo da Deputación da Coruña en horario matinal.

A xornada "Impacto positivo: unha alianza festivais-administración" está comisariada pola enxeñeira e consultora de sustentabilidade, María Baqueiro Vidal. Asesora de boa parte dos festivais galegos de música e cinema, Baqueiro é ademais promotora do Pacto Cultura Sustentable, presentado o pasado ano. O 21 de maio a xornada contará con persoas expertas que participarán nunha mesa de ideas e posteriormente nun obradoiro para apoiar os festivais na elaboración dos seus plans de sustentabilidade.

No programa estarán Jone Pérez, enxeñeira química, asesora de empresas en xestión sustentable e colaboradora da organización internacional A Greener Festival; Pablo Galindo, doutor en Socioloxía pola Universidade de Granada na
que é profesor titular, director da Fundación Music for All e autor, xunto con Diego Ferrón, da Guía de accesibilidade e inclusión en festivais de música en España; Nuria Díaz, ambientóloga, con ampla experiencia no ámbito da xestión
ambiental municipal e socia fundadora de EcoEvent, e Nuria Balboa, arquitecta, especialista na xestión técnica de eventos e colaboradora dalgúns dos festivais máis recoñecidos do país. A segunda parte da xornada, en formato obradoiro, estará dirixida pola comisaria María Baqueiro e Giada Calvano, cofundadora de Chloe Sustainability, consultoría que acompaña a organizacións culturais e creativas no seu camiño cara a sustentabilidade, e investigadora e docente do Programa de Xestión Cultural da Universidade de Barcelona.

As novas lexislacións e normativas, xurdidas a raíz da aprobación da Axenda 2030 pola ONU, recollen a urxencia de modificar métodos, recursos materiais, hábitos e comportamentos, especialmente no mundo empresarial e industrial, pero que implican a sociedade no seu conxunto. A acción cultural, tan conectada co desenvolvemento social e individual e cunha enorme capacidade de transformación territorial -véxase por exemplo a súa vinculación con políticas e estratexias de turismo- non é allea a urxencia do momento. Nesa dirección, a Deputación da Coruña someteu ás súas liñas de subvencións a festivais, FO221 e FO223, incorporando de maneira máis clara e directa criterios de sustentabilidade para a concesión das mesmas, adquirindo o compromiso de acompañar a todas as entidades e concellos solicitantes na consecución e cumprimento de novos obxectivos. Ao redor de sesenta festivais benefícianse destas dúas liñas de cofinanciamento nas últimas edicións.

"Apoiar os festivais significa, para nós, apostar pola difusión e a creación cultural a través do que son, verdadeiras plataformas de promoción das propostas existentes, e tamén de creación de emprego e riqueza no sector. Este apoio á actividade cultural é un dos obxectivos das dúas liñas de subvencións FO221 e FO223 que suman 1,1 millón de euros en 2022 e que, xunto coa Rede Cultural da Deputación da Coruña, significan unha aposta pola contratación e a mellora da situación laboral e económica do sector profesional da cultura, tan afectado pola pandemia", explica o deputado de Cultura Xurxo Couto.

Co fin de cumprir co mencionado compromiso a área de Cultura organiza a Xornada "Impacto positivo: unha alianza festivais- administración", no marco da iniciativa A Cultura é un dereito. Na xornada presentarase ademais a Guía sobre festivais e sustentabilidade, editada pola Deputación da Coruña como un manual de utilidade para axentes responsables de eventos e co obxectivo específico de mellorar as alianzas coa administración como cofinanciadora dos festivais.

A asistencia é gratuíta e a capacidade limitade. A inscrición á xornada debe realizarse a través do formulario habilitado para tal fin na páxina web, onde tamén se pode consultar o programa completo: www.aculturaeundereito.gal