Estás en:Novas

A Deputación dedica 350.305 euros á eliminación da curva perigosa na DP-2206 ao seu paso polo Rego de Tide, en Cedeira

Crearase un novo trazado de 230 metros de lonxitude ao sur da actual estrada para facilitar o tránsito seguro dos vehículos que discorren pola zona
As obras inclúen a limpeza da vía, pavimentación e sinalización

A Deputación dedica 350.305 euros á eliminación da curva perigosa na DP-2206 ao seu paso polo Rego de Tide, en Cedeira

A Deputación da Coruña inviste 350.305 euros para mellorar o trazado da DP-2206 ao seu paso polo Rego de Tide, en Cedeira. As tarefas permitirán incrementar a seguridade viaria na zona ao mellorar a visibilidade. O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe a aprobación da quinta fase do plan de vías provinciais 2020 na que se integra este proxecto.
O tramo no que se actuará comprende 300 metros de lonxitude, nunha zona que conta cunha curva perigosa do rego de Tide. Para dar solución, proxéctase a creación dunha variante, na que se elimina esa curva existente e se realiza un novo trazado de 230 metros ao sur do actual, que seguirá dando servizo posto que a través del se accede a predios e propiedades. Esta medida permitirá ampliar a sección e incrementar de forma substancial a visibilidade.
A variante discorre canalizando o rego de Tide mediante un marco de formigón armado cunhas dimensións de calzada de nove metros, con tres metros e medio de ancho cada carril e beiravías dun metro. Os traballos inclúen rozas para a eliminación de maleza e proxección do firme da vía con lastre artificial como capa base e mestura bituminosa en quente.
Á súa vez, as tarefas permitirán dispoñer nova sinalización, tanto horizontal coma vertical, así como elementos de defensa compostos fundamentalmente pola instalación de barreira de seguridade ao longo do novo terraplén.
Tamén se recolle na partida dedicada á iniciativa, un investimento para mover o depósito e canalizacións da traída veciñal existente, que se trasladará 50 metros arriba do depósito para evitar problemas de augas durante os traballos. Así mesmo, cambiarase lixeiramente o trazado actual da liña eléctrica de baixa tensión. As obras realizaranse, segundo se prevé, nun prazo de cinco meses desde o seu inicio.