Estás en:Novas

Valentín González Formoso destaca a necesidade de que as administracións “se impliquen coa saúde pública para que a cidadanía teña mellor calidade de vida”

O presidente provincial participou hoxe nunha mesa de debate do 8º Congreso Nacional de Pacientes Crónicos organizado por SEMERGEN no Pazo da Cultura de Narón
Formoso explicou que "temos a capacidade de fomentar que a cidadanía asuma hábitos saudables e debemos facelo dun xeito coordinado co Goberno e tamén con quen ten as competencias na materia"

Valentín González Formoso destaca a necesidade de que as administracións “se impliquen coa saúde pública para que a cidadanía teña mellor calidade de vida”

Valentín González Formoso participou hoxe, venres 13 de maio, nunha mesa de debate do 8º Congreso Nacional de Pacientes Crónicos organizado pola Sociedad Española de Médicos de Atención Primaria (SMERGEN) no Pazo da Cultura de Narón e alí destacou a necesidade de que as administracións "e todos aqueles que temos responsabilidades públicas nos impliquemos coa saúde pública, como fórmula intelixente de que a cidadanía teña unha mellor calidade de vida".


O presidente provincial estivo acompañado na mesa de debate polo alcalde de Ferrol, Ángel Mato; o presidente do Comité Organizador do Congreso, Carlos Piñeiro; o vicepresidente de Semergen, Rafael Manuel Micó Pérez; e o secretario xeral da Fegamp, Eduardo Ramonde Rodríguez, que se encargou de ler un 'Manifesto de alcaldes con la cronicidad'.


Na súa intervención González Formoso explicou que "temos a capacidade de fomentar que a cidadanía asuma hábitos saudables e debemos facelo dun xeito coordinado, por unha parte co Goberno, que dalgunha maneira está intentando motivar este tipo de dinámicas a través dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible para o ano 2030 e as axendas urbanas, e con quen ten a competencia en materia de saúde pública que, sobre todo nesta etapa de pandemia e post pandemia, deixou de lado esta tarefa para centrarse na atención a enfermos COVID".


Formoso tamén quixo subliñar algún dos proxectos que xa se levan a cabo neste sentido "e que podemos desfrutar en áreas sanitarias como esta de Ferrolterra", facendo referencia á "creación da unidade de asbestose, que creo que é unha referencia a nivel nacional e da que estamos francamente orgullosos".


Ademais, tamén quixo subliñar a importancia das accións que poden levar a cabo as administracións xa que "por exemplo, unha simple peonalización ten transcendencia na saúde pública en distintas vertentes: na redución de contaminación e na posta en valor de hábitos saudables como é o de camiñar". "Eses pequenos goteos constantes son importantes", afirmou.


Manifesto de alcaldes con la cronicidad


Tanto González Formoso como Ángel Mato e o resto de alcaldes e alcaldesas galegas que integran a Fegamp firmaron o 'Manifesto de alcaldes con la cronicidad', como expresión dos compromisos dos municipios galegos cun dos grandes problemas de saúde da poboación.
O texto inclúe, entre outros asuntos, o compromiso de aplicar un programa de acción para conseguir municipios saudables e sostibles, a implementación de estratexias integradas para a promoción da saúde, e o traballo en asociación con outros niveles de goberno local en accións de abordaxe e prevención das Enfermidades Non Transmisibles ou Crónicas.