Estás en:Novas

Melania Freire e Pepe Barro reflexionan sobre a creatividade e a identidade no vindeiro episodio de Referentes

O segundo programa de ReferentesT2 chegará o venres 27 de maio ás 12h ao Facebook e Youtube da área de Cultura da Deputación da Coruña cunha conversa entre a deseñadora de moda e artista lucense, Melania Freire, e o deseñador gráfico e ilustrador Pepe Barro

Os procesos creativos, a tradición e os referentes estéticos e intelectuais centran unha conversa na que a identidade acada un protagonismo especial

Melania Freire e Pepe Barro reflexionan sobre a creatividade e a identidade no vindeiro episodio de Referentes

A deseñadora de moda e artista Melania Freire e o deseñador gráfico e ilustrador Pepe Barro serán os protagonistas do seguinte episodio de Referentes. Poderá verse a través do perfil de Facebook e da canle de Youtube da área de Cultura da Deputación o venres 27 de maio a partires das 12h.

Os procesos creativos, a tradición e os referentes estéticos e intelectuais que inspiran a ambos participantes centran unha conversa na que a identidade acada un protagonismo especial. Pepe Barro fai un repaso pola súa traxectoria, deténdose en traballos moi significativos como os deseños da selección galega de fútbol, e explicando cales foron as circunstancias e influencias que o converteron no profesional que é a día de hoxe. Pola súa banda, Melania Freire céntrase no seu proceso de creación, moi apegado á investigación de materiais téxtiles tradicionais, relacionando a tradición galega coa doutras culturas do mundo. Ambos contestan, ademais, á pregunta que os 'referentes' do anterior episodio –Margarita Ledo e Xabier Fortes-, lles deixaron formulada: "están contentos coa súa vida? Ou que lles falta para estalo?"

Referentes T2 estreouse o pasado mes de abril coa conversa entre Margarita Ledo e Xabier Fortes, e tras o episodio que protagonizan Melania Freire e Pepe Barro, continuará o último venres de xuño cunha terceira entrega. Despois de verán, chegarán tres novas conversas que se emitirán nos meses de setembro, outubro e novembro.

Melania Freire é deseñadora de moda, fotógrafa e directora de arte para cinema. En 2019 foi a gañadora do premio Mercedes-Benz Fashion Talent para talentos novos, cunha proposta inspirada nunha retrospectiva do pintor David Hockney. Basea o seu traballo creativo na investigación dos téxtiles tradicionais que formaron parte do cotián na cultura popular galega –cobertores, mantas e panos- tanto en canto a motivos como materiais e técnicas.

Pepe Barro é deseñador e ilustrador. Entre os seus traballos máis coñecidos cóntanse os deseños para a selección galega de fútbol, ou a identidade corporativa de entidades como a Universidade da Coruña, o Consello da Cultura Galega, a Culturgal ou Turgalicia, este último elixido polo Museo da Raíña Sofía como un dos cen logos do século XX. Entre os seus recoñecementos pódense citar o Premio da Crítica en 1983 e o Premio de Honra do Clúster da Comunicación Gráfica de Galicia en 2017.