Estás en:Novas

A Deputación destina 100.891 euros á Casa de Acollida para mulleres en situación de violencia de xénero de Ferrol

O ente provincial triplicou durante este mandato a súa achega para financiar o mantemento dun servizo de atención esencial para este colectivo especialmente vulnerable

O convenio foi asinado hoxe polo presidente Valentín González Formoso e o alcalde Ángel Mato

A Deputación destina 100.891 euros á Casa de Acollida para mulleres en situación de violencia de xénero de Ferrol

A Deputación da Coruña destina este ano 100.891,64 euros para o mantemento da Casa de Acollida a vítimas de violencia de xénero do Concello de Ferrol.

A Deputación mantén así a súa colaboración para sufragar o mantemento deste servizo de atención social a un colectivo especialmente vulnerable, ao que viña destinando arredor de 33.000 euros anuais e que o goberno de González Formoso incrementou ata superar os 100.000 euros durante o actual mandato.

O presidente provincial e o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, asinaron esta mañá na sede provincial o acordo a través do que a Deputación achega o 26,43 % do orzamento anual de mantemento deste centro que dá atención ás vítimas desta lacra social e aos menores dependentes delas desde o ano 1986. Ao acto asistiu tamén a deputada de Igualdade, María Muíño.

A Deputación colabora cos gastos de persoal e correntes, entre os que se inclúen produtos alimenticios, farmacéuticos, roupa ou axudas ao transporte, entre outros. Dentro do convenio, tamén se compromete a proporcionar formación anual para o persoal dos recursos en función ás necesidades detectadas sobre intervención en materia de violencia de xénero e xestión emocional.

Formoso destacou que a Deputación triplicou en 2020, 2021 e 2022 a súa axuda económica para a Casa de Acollida de Ferrol "porque somos conscientes de que neste momento o noso compromiso é máis necesario que nunca". Formoso lembrou que o centro "presta servizo a toda comarca" e "desenvolve un papel fundamental na atención a un colectivo especialmente vulnerable" como é o das mulleres que sofren a violencia de xénero.

O alcalde, Ángel Mato, agradeceu o apoio permanente da Deputación neste tema e destacou que para a Casa de Acollida de Ferrol "un recurso indispensable na loita contra a violencia machista".

O alcalde destacou que o Concello de Ferrol está constatando que, tras a pandemia, as estancias das usuarias son máis longas. "Ademais, tamén aumentou a demanda, polo que estamos a ver unha ocupación moi elevada polo estamos a ter unha ocupación moi elevada. Neste contexto , a colaboración da Deputación é máis necesaria ca nunca", afirmou.

Mato detallou que o ano pasado, o número de persoas usuarias do centro ascendeu a 27, das que 12 foron mulleres e 15 menores. No que levamos de 2022 pasaron pola Casa de Acollida de Ferrol sete mulleres e oito menores.

A Casa de Acollida de Ferrol pertence á Rede de Acollemento para mulleres en situación de violencia de xénero da Deputación e constitúe un recurso de estadía temporal, atención e recuperación para estas mulleres, así como para os e as menores ao seu cargo. Así, ofrécese un servizo esencial para a protección e atención destas persoas ante unha situación de grave risco como esta. O espazo permite a estas persoas, en situación vulnerable,recibir apoio, información e asesoramento en materia social, xurídica e psicolóxica no momento máis complicado.

Co aumento do investimento neste servizo nos últimos anos, a Deputación busca cubrir as necesidades que se derivan dunha situación como esta, así como ofrecer todos os mecanismos para que as mulleres que atravesan estes difíciles momentos conten cos medios necesarios para saír adiante.