Estás en:Novas

A Deputación edita un libro sobre o patrimonio militar da costa coruñesa

Valentín González Formoso presentou esta mañá en Exponav o libro "La Defensa de la Costa. Provincia de A Coruña", de José Manuel Yáñez e José Manuel López Hermida

Na publicación repásase a historia das fortificacións de artillería construídas na provincia entre os séculos XVI e XX

Formoso destacou a intención da Deputación de colaborar na recuperación das baterías de costa de Ferrol, Valdoviño e Ares en colaboración con Defensa e cos concellos

A Deputación edita un libro sobre o patrimonio militar da costa coruñesa

A Deputación da Coruña edita o libro "La defensa de la costa. Provincia de A Coruña", no que se repasan en máis de 400 páxinas as fortificacións de artillería construídas na costa coruñesa entre os séculos XVI e XX. Esta mañá tivo lugar a presentación desta obra nas instalacións de Exponav, en Ferrol.

No acto participaron o presidente provincial, Valentín González Formoso; o almirante do arsenal de Ferrol, Ignacio Frutos, o xerente de Exponav, Rafael Suárez, o catedrático de Historia da Arte da USC, Alfredo Vigo Trasancos; e os autores do libro, o arquitecto técnico e doutor en Historia da Arte, José Manuel Yáñez, e o comandante de artillería retirado, José Manuel López Hermida.

O libro dá continuidade ao labor de investigación e difusión de ambos autores en relación ao eido das baterías e defensas da costa coruñesa, "cun novo volume case enciclopédico que temos a honra de presentar hoxe", indicou o presidente provincial, Valentín González Formoso. O dirixente sinalou que a publicación "pon en valor o inmenso patrimonio militar da área de Ferrol e de toda a costa da provincia da Coruña". Resultado da historia defensiva da zona, "contamos agora no terreo que compón o Golfo Ártabro cun enorme tesouro patrimonial que debemos defender: a arquitectura militar".

O presidente da Deputación sinalou que este patrimonio material é un tipo de recurso "do que agora comezamos a tomar conciencia a través deste tipo de estudos e guías". Formoso agradeceu a Yáñez e López Hermida "o seu compromiso coa divulgación do coñecemento e coa conservación, posta en valor e difusión do que é tamén un potente recurso turístico para a zona".

A Deputación será titular das baterías de Ferrol, Valdoviño e Ares

"Isto é un comezo do que queremos facer, con moita humildade pero con moita enerxía. Desde a Deputación queremos seguir colaborando e no que queda de mandato queremos facernos cargo de tres baterías: en Ferrol, Valdoviño e Ares", destacou Formoso, que engadiu que se fará "da man do Ministerio de Defensa, coa Armada e co Concello de Ferrol como motor protagonista, sen esquecernos da colaboración co Concello da Coruña porque, traballando en rede, sacaráselle máis rendemento para todos aqueles afeccionados e afeccionadas que hai a nivel mundial e que establecen rutas turísticas que poñen en valor a economía local".

Para Formoso esta guía é "unha homenaxe a aquelas persoas que foron capaces de conseguir o que incluso hoxe, tendo medios, sería difícil". "Imaxinádevos sen ningún medio, foi un esforzo titánico que merece a pena recoñecer, con moita humildade e sen ter competencias en materia de cultura ante o deixamento doutras administracións".

O dirixente subliñou o importante que é o apoio das administracións para non só difundir a existencia destes vestixios, senón tamén para levar a cabo iniciativas que fomenten a conservación deste tipo de infraestruturas para que non caian no esquecemento. "Dentro de 10 anos estaremos moi orgullosos do que hoxe nace aquí", afirmou.