Estás en:Novas

O Plan Único da Deputación financia con 128.000 euros a creación dunha senda que mellorará a seguridade peonil no acceso á piscina de Outes

O itinerario, que se executará pola marxe esquerda da estrada de acceso á piscina, terá 300 metros de lonxitude e un ancho de 2 metros

A actuación inclúe a execución dunha pasarela paralela á ponte existente para salvar o paso sobre o río de Outes

Completarase coa recollida de augas pluviais e a colocación dunha varanda de ferro e 15 balizas LED

O Plan Único da Deputación financia con 128.000 euros a creación dunha senda que mellorará a seguridade peonil no acceso á piscina de Outes

A Deputación da Coruña financia, a través do Plan Único, un proxecto de 128.270 euros para a mellora da seguridade viaria no acceso á piscina municipal do Concello de Outes coa construción dunha senda peonil.

A actuación permitirá a creación dun itinerario peonil de 300 metros de lonxitude e 2 metros de ancho pola marxe esquerda da estrada que dá acceso á piscina, mellorando a seguridade dos viandantes na zona. A senda formarase con lastre de canteira e acabado con formigón coloreado, ademais da colocación dun bordo de delimitación.

Contémplase a execución dunha pasarela de 7 metros de lonxitude, en formigón, paralela á ponte existente para salvar o paso sobre o río de Outes.

Antes da aplicación do pavimento, habilitarase a canalización para a recollida de pluviais e a da iluminación. Por último, a obra completarase coa colocación de 15 balizas LED ao longo da senda e dunha varanda de ferro.

O tempo de execución estimado dos traballos, desde o seu inicio, é de 6 meses.