Estás en:Novas

A Deputación e o Concello de Santiso colaboran para acondicionar cinco camiños municipais dentro do proxecto ‘Aldeas con vida propia’

O pleno da Deputación deu luz verde esta mañá a unha achega provincial de 113.540 euros, que permitirá financiar o 80% do custo total da iniciativa

Acondicionaranse os camiños de Xesteira a Novela, de Santiso a Trebolo, de Santiso á area de lecer do Liño, do Castro e de acceso a Felgueira

As actuacións forman parte dun proxecto co que o Concello busca reducir a pegada medioambiental e promover unha vida saudable entre a veciñanza

A Deputación e o Concello de Santiso colaboran para acondicionar cinco camiños municipais dentro do proxecto ‘Aldeas con vida propia’

O pleno da Deputación da Coruña deu luz verde ao convenio mediante o que achega 113.540 euros ao Concello de Santiso para cofinanciar as obras do programa medioambiental 'Aldeas con vida propia'. O ente provincial subvenciona deste xeito o 80% do custo total da iniciativa, valorada en 141.925 euros.

Con este proxecto, o goberno provincial presidido por Valentín González Formoso apoiará ao Concello de Santiso na habilitación de espazos e sendas para uso e desfrute da poboación do municipio. Unha proposta coa que se busca dotar de espazos de tránsito seguros e cómodos, pensados tamén para actividades lúdico deportivas e para reducir o uso do coche propio. Segundo sinalan desde o Concello, estas obras son esenciais para poder desenvolver a iniciativa ao completo.

As tarefas permitirán acondicionar as marxes e pavimentos nos camiños de Xesteira a Novela, de Santiso a Trebolo, de Santiso á area de lecer do Liño, do Castro e de acceso a Felgueira. Nalgúns treitos puntuais destes itinerarios colocaranse arquetas e sumidoiros para a canalización de augas pluviais. Os traballos contan cun prazo de execución estimado en seis meses desde o inicio das obras.

'Aldeas con vida propia' busca concienciar á poboación de Santiso en materia medioambiental e crear hábitos saudables como primeiro paso para conseguir, nunha segunda fase, un municipio cunha menor pegada ambiental e unha poboación máis sa, cunha boa calidade de vida mellorando a seguridade e instalacións da súa contorna.

O proxecto inclúe tamén a organización de charlas formativas e talleres de ximnasia, prestando especial atención ás persoas con necesidades especiais. Así mesmo, implantarase a recollida selectiva de envases lixeiros nos dous principais núcleos poboacionais, redistribuirase a iluminación pública para favorecer a vida fóra dos fogares en horas de escuridade e reducir as emisións de CO2, eliminaranse feismos, colocaranse paneis informativos, arranxaranse marquesiñas e mellorarase a sinalización de lugares de interese.