Estás en:Novas

A Deputación insta á Xunta a que habilite novos fondos para que os concellos poidan atender os gastos xerados pola alza de prezos das obras públicas

O pleno insta á administración autonómica a incrementar tamén as achegas aos concellos a través do Fondo Galego de Cooperación Local

Formoso lembra que fronte aos 42 millóns de euros habilitados pola Deputación para apoiar neste asunto aos concellos coruñeses, a Xunta habilita só 12 para todos os concellos galegos

A Deputación xa tomou medidas para dar resposta ás demandas do sector da construción e atender as dificultades económicas que a revisión de prezos públicos poida xerar nos concellos da provincia, permitindo aos concellos usar 42 millóns de euros a ese fin

A Deputación insta á Xunta a que habilite novos fondos para que os concellos poidan atender os gastos xerados pola alza de prezos das obras públicas

A Deputación da Coruña insta á Xunta de Galicia a que habilite, de xeito inmediato, novos fondos para que os concellos poidan atender os novos gastos ocasionados pola alza dos prezos de combustibles e materias primas. A moción, presentada de xeito conxunto polo PSdeG-PSOE e o BNG, foi aprobada cos votos a favor de todos os grupos agás o Partido Popular, que votou en contra.

No texto alértase do "forte impacto" que está a ter "no sector da construción de obra pública" a suba dos prezos das materias primas debido "ao incremento da demanda ao calor da recuperación económica, á lenta recuperación da capacidade produtiva, ao incremento dos custes e atrasos no transporte marítimo, así como o encarecemento da enerxía e as consecuencias que está a ter a invasión de Ucraína".

"Neste contexto, o Goberno de España vén de aprobar distintas normas urxentes, entre elas figuran as relativas á posta en marcha do mecanismo para a revisión excepcional de prezos dos contratos públicos de obras do sector público estatal", destaca a moción, ao tempo que salienta que "o Consello da Xunta de Galicia adoptou un acordo que se limitaba a declarar de aplicación os preceptos contidos na normativa estatal á Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia" sendo "as entidades locais as que de xeito directo e inmediato deberán de soportar, cos seus recursos, as peticións dos contratistas relativas á revisión de prezos".

A Deputación xa habilitou 42 millóns para este fin

Na exposición de motivos lémbrase que "a Deputación xa tomou as medidas dirixidas á aplicación práctica da revisión excepcional de prezos nos contratos de obras subscritos pola Deputación, pero tamén polos concellos da provincia aos que resulte aplicable a normativa estatal". "Tomáronse as seguintes decisións: revisar e garantir a licitación e execución dos proxectos das obras licitadas pola propia Deputación, a aprobación dun Plan dotado de 42 millóns de euros polo que os concellos poderán destinar a súa asignación a atender o custo das obras de contratación municipal, a aprobación de normas para a tramitación das solicitudes de revisión de prezos no ámbito da Deputación con principios de máxima simplificación, celeridade e eficacia" e, por último "trataremos de dar resposta ás consultas do sector".

O presidente provincial, Valentín González Formoso, lembrou que fronte a estes 42 millóns de euros habilitados pola Deputación coruñesa para os 93 concellos da provincia (unha media de 451.000 € por concello), a Xunta habilita apenas 12 millóns para os 313 concellos da comunidade (unha media de 38.000 euros por concello).

Por todo isto, e tendo en conta que "a Deputación da Coruña dá resposta ás demandas do sector da construción e atende as dificultades económicas que a revisión extraordinaria de prezos públicos poida xerar nos concellos desta provincia", ínstase á Xunta de Galicia a que "habilite novos fondos para que os concellos poidan atender os novos gastos ocasionados pola alza dos prezos" e "a que incremente as achegas aos concellos a través do Fondo de Cooperación Local".