Estás en:Novas

A Deputación insta á Xunta e ao Estado a eliminar as barreiras dixitais ás que se enfrontan as persoas maiores nas entidades bancarias

A moción, presentada polo PSdeG-PSOE e o BNG, foi aprobada por unanimidade

O ente provincial solicita á Xunta e Goberno que poñan en marcha iniciativas que garantan o acceso ás TIC da cidadanía

A Deputación insta á Xunta e ao Estado a eliminar as barreiras dixitais ás que se enfrontan as persoas maiores nas entidades bancarias

A Deputación da Coruña insta á Xunta de Galicia e ao Goberno do Estado a tomar medidas contra a exclusión dixital que están a sufrir as persoas maiores á hora de ser atendidas polas entidades financeiras. A moción presentada polo PSdeG- PSOE e o BNG no pleno celebrado esta mañá foi aprobada por unanimidade.

Nela solicítase á Xunta de Galicia e Estado que poñan en marcha iniciativas para garantir o acceso da cidadanía ás TIC, garantindo o acceso aos servizos das persoas que opten por non usar os recursos dixitais. Tamén demanda ao Goberno do Estado que promova un marco normativo que garanta o dereito de toda a cidadanía a non ser excluída no eido financeiro no seu ámbito territorial.

Estas peticións chegan despois dunha reunión mantida coa Plataforma de Xubilados e Pensionistas de Cigarreiras e Tabaqueiros, na que representantes da entidade lle trasladaron á Deputación a súa preocupación en torno á exclusión financeira e institucional á que se ven sometidas as persoas maiores, que se atopan coa barreira das novas tecnoloxías á hora de levar a cabo os seus trámites.

Entre outras cousas, estas vense afectadas polas reducións de persoal, que provoca que aquelas máis necesitadas de atención ao público, como son as pensionistas e usuarios e usuarias con mobilidade reducida ou algunha discapacidade, se vexan prexudicados. A isto súmaselle o peche de sucursais bancarias e a concentración destas en lugares afastados da zona onde estes colectivos teñen domiciliadas as súas pensións e recibos de pago. Tamén se engade que as oficinas empregan agora medios ofimáticos para redirixir as súas prestacións, sen ofrecer un servizo que se adapte ás necesidades dos seus clientes.

Por todo o sinalado, as persoas afectadas están a demandar horarios específicos e unha atención personalizada; a garantía de poder obter diñeiro en efectivo; que non existan importes mínimos de retirada; que non se cobren comisións pola realización de ingresos ou retiradas de cartos en efectivo; a gratuidade das contas onde reciben as pensións; axuda personalizada aos clientes con problemas cos tecnoloxías; atención telefónica axeitada e oficinas nos lugares onde foron pechadas; así como o mantemento preferente dos caixeiros no interior da entidade ou nun espazo protexido no exterior.

Estratexia provincial para un uso inclusivo das novas tecnoloxías

Ante todo isto, a Deputación está a traballar na liña da Carta de Dereitos Dixitais presentada polo Goberno de España. A través da Estratexia Dixital Provincial, a institución coruñesa busca establecer unha folla de ruta para os próximos catro anos na que se facilite a prestación dos servizos á cidadanía e Administracións locais promovendo, mellorando e aproveitando o potencial das tecnoloxías.

Unha estratexia que ten como principios básicos a inclusión e a accesibilidade. Polo tanto, o programa pretende deseñar servizos públicos dixitais que sexan incluíntes e tomen en consideración as necesidades de cada persoa.

Un dos retos a acadar con este programa é crear unha Administración intelixente e eficiente a través da accesibilidade dixital, incidindo en tres grandes ámbitos: capacitación e eliminación de barreiras, acceso a redes de alta velocidade e posta a disposición de servizos públicos electrónicos.