Estás en:Novas

Formoso destaca a aposta pola integración laboral do Quiosco Down Experience

"É un orgullo colaborar desde a Deputación cun proxecto que é exemplo do espírito de integración da cidade da Coruña", afirma o presidente

A Deputación impulsa o proxecto Quiosco Down Experience a través das axudas o Plan de Emprego Local (PEL)

O presidente da Deputación da Coruña compartiu un bocadillo de luras coa directiva de Down Coruña e destacou o gran traballo que desenvolve a entidade

Formoso destaca a aposta pola integración laboral do Quiosco Down Experience

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o deputado responsable da área de Emprego, José Ramón Rioboo, visitaron hoxe o Quiosco Down Experience da Coruña.

Alí compartiron un bocadillo de luras co presidente e o vicepresidente de Down Coruña, Ricardo Santos e Manuel Álvarez Esmorís, no que se interesaron pola marcha deste proxecto empresarial e de inclusión laboral que funciona desde hai un ano na céntrica praza de Ourense da cidade herculina e que contou para a súa posta en marcha con axudas do Plan de Emprego Local (PEL).

Formoso destacou "a aposta pola integración laboral que supón a iniciativa Quiosco Down Experience, que dá emprego na actualidade a 16 persoas, parte delas con síndrome de Down e ofrece o tradicional bocadillo de luras como bandeira gastronómica dun negocio hostaleiro que está a gozar dunha gran acollida entre o público coruñés no seu primeiro ano de vida".

"É un orgullo colaborar desde a Deputación cun proxecto que é exemplo do espírito de integración da cidade da Coruña e unha referencia no seu sector", afirmou Formoso, que se interesou polas necesidades da entidade e como a Deputación da Coruña pode seguir prestando a súa colaboración, tanto a través do PEL como das diferentes liñas de axudas que a área de Servizos Sociais destina ás entidades sociais da provincia como Down Coruña.