Estás en:Novas

A Deputación impulsa o proxecto ‘Endaterra’, que levará a música de Xacarandaina ao Camiño Inglés e Fisterra-Muxía

Un espectáculo de música e baile tradicional de Xacarandaina que se levará aos concellos de Culleredo, Abegondo, Oroso, Negreira, Santa Comba e Dumbría

Está financiado conxuntamente coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e en colaboración coa Asociación de Concellos do Camiño Inglés e da Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía

Endaterra é un novidoso espectáculo no que se fusionan distintas artes escénicas como son o baile e a música tradicional galega e o teatro.

A Deputación impulsa o proxecto ‘Endaterra’, que levará a música de Xacarandaina ao Camiño Inglés e Fisterra-Muxía

A Deputación da Coruña impulsa o proxecto 'Endaterra', un espectáculo de música e baile tradicional creado por Xacarandaina que percorrerá diferentes Concellos do Camiño Inglés e Fisterra-Muxía.

Na presentación deste espectáculo, que se levou a cabo na sala Juanjo Gallo do pazo provincial, participou o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira; o deputado de Economía, Antonio Leira; o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; os alcaldes dos concellos de Culleredo, Abegondo, Oroso, Negreira, Santa Comba e Dumbría, nos que se desenvolverá o espectáculo; o director de Xacarandaina, Quique Peón; e representantes da Asociación de Concellos do Camiño Inglés e da Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía.

Xosé Regueira valorou a importancia deste espectáculo xa que "o Camiño ten que servirnos para afianzar a nosa identidade, para entender de onde vimos e para saber a onde queremos chegar". "Este tipo de espectáculos son os que realmente nos fan desfrutar aos que vivimos no Camiño, seguro que calquera turista que teña a oportunidade de presencialo falará del cando volva ao seu país", afirmou.

Pola súa parte, Antonio Leira destacou a "cooperación entre institucións" necesaria para levar a cabo este proxecto "que ten un valor moi amplo, non é soamente cultural senón que tamén é patrimonial e económico". "Quero felicitar a todo o grupo, con Quique á cabeza, por ese traballo de investigación do patrimonio que levaron a cabo e por ser quen de poñer en marcha estas actuacións", rematou.

Para Valentín García este é "un proxecto que vai máis alá do concepto de espectáculo turístico, é un espectáculo cultural cun fondo escénico gráfico e que, ao mesmo tempo, promove o que é a cultura propia destas terras que vai percorrendo e da cultura galega.

Por último, Quique Peón explicou que "é un traballo que levamos facendo a cachiños desde hai tres anos con moitísimo esforzo" e que "por motivos obvios, non puidemos presentar antes". "Non só percorre un camiño xeográfico, senón que pon en valor o baile, a música, o traxe, as tradicións e, en definitiva, a arte inmaterial do Camiño Inglés desde A Coruña a Santiago de Compostela e o Camiño de Fisterra Muxía, dándolles unha unidade e dándolle un selo de identidade a unha parte de Galicia marabillosa e única", salientou.

Endaterra, un espectáculo novedoso

Endaterra é un compendio de distintas artes escénicas onde se mestura baile, danza, música, teatro, imaxes ilustradas, paisaxe sonora, deseño de luz, e unha banda sonora creada en exclusividade para o espectáculo. É un espectáculo de gran formato, onde se poderán escoitar trinta pezas musicais novedosas recuperadas, ver dez bailes antigos reconstruídos e apreciar máis de 15 vestiarios de roupa diferentes. Todo enfiado nunha historia netamente galega que fala da amizade e do compromiso entre as persoas, e da maxia que ten o noso país.

O proxecto está financiado conxuntamente coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e levará a música de Xacarandaina ao longo dos dous Camiños nas seguintes datas: 25 de xullo en Santa Comba, 27 de agosto en Negreira, 15 de outubro en Dumbría, 22 de outubro en Oroso, 5 de novembro en Abegondo e 19 de novembro en Culleredo.