Estás en:Novas

Diversa Technologies, Infonet e Compostela Monumental, gañadoras dos premios PEL 2022 da Deputación da Coruña

Formoso destaca que os galardóns recoñecen "o talento e a innovación das empresas e das persoas que hai detrás delas, que contribúen a facer unha Galicia mellor"

O proxecto cultural ferrolán AcercArte; Equipos Lagos, que traballa para 26 países desde o polígono de Bergondo e a Asociación de Empresarios de Agrela da Coruña, gañadores dos tres accésit

O presidente lembrou que o Plan de Emprego Local (PEL) partiu dunha idea ambiciosa: converter a Deputación no maior axente activo de promoción de emprego da provincia.

Destaca que "o PEL permitiu a 4.500 persoas incorporarse ao mercado laboral e a máis de 3.000 emprendedoras e emprendedores da provincia facer realidade as súas ideas de negocio"

Diversa Technologies, Infonet e Compostela Monumental, gañadoras dos premios PEL 2022 da Deputación da Coruña

A Deputación da Coruña celebrou esta tarde no Teatro Jofre de Ferrol a gala da V edición dos premios PEL, uns galardóns cos que a institución provincial recoñece cada ano as mellores empresas, asociacións e clúster empresariais da provincia e aposta polo desenvolvemento económico. Os premios recaeron nas compostelás Diversa Technologies, INFONET e a asociación de empresarios Compostela Monumental e recoñeceuse con accésits o proxecto cultural AcercArte de Ferrol, a empresa Equipos Lagos, con sede no polígono de Bergondo, e a asociación de empresarios Agrela da Coruña.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, presidiu o acto de entrega dos galardóns e asegurou que estes premios recoñecen o talento e a innovación das peme e persoas autónomas da provincia. Todas elas, dixo, "co seu esforzo e labor diario contribúen á reactivación económica que tanto necesitamos nun escenario económico adverso, crean emprego e permiten que A Coruña siga a ser o motor económico de Galicia".

O acto estivo conducido pola presentadora Paula Vázquez e contou coa asistencia do vicepresidente, Xosé Regueira, o deputado responsable da área de Emprego e alcalde de Culleredo, José Ramón Riobóo, o alcalde de Ferrol, Ángel Mato e o presidente do xurado e da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), Antonio Fontenla, así como numerosos representantes do mundo empresarial e asociativo da provincia da Coruña.

O alcalde Ángel Mato agradeceu que a Deputación seleccionara este ano a Ferrol como sede da quinta edición da gala de entrega do premios PEL e destacou "o compromiso do goberno provincial co emprego, especialmente nos últimos anos, cando foi máis necesario, un apoio que presta tamén aos programas de axudas a autónomos e pequenas empresas impulsadas desde o Concello de Ferrol", apuntou.

A provincia da Coruña, líder en proxectos empresariais de éxito

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou a calidade das 62 candidaturas que este ano concorreron ao certame nas diferentes categorías, facendo fincapé en que son "unha excelente mostra do enorme potencial que ten a provincia para continuar innovando, apostando polo talento da nosa xente e liderando a creación de proxectos empresariais de éxito".

"Hoxe premiamos as empresas, pero sobre todo premiamos o talento e o esforzo das persoas que hai detrás delas; afirmou o presidente, que lembrou que o Plan de Emprego Local (PEL) que dá nome a estes galardóns partiu tamén dunha idea ambiciosa: converter a Deputación, que apenas desenvolvía actividade no eido do emprego, no maior axente activo de promoción de emprego da provincia.

"O PEL permitiu que 4.500 persoas se incorporasen ao mercado laboral e a máis de 3.000 emprendedoras e emprendedores da provincia facer realidade as súas ideas de negocio", apuntou Formoso, que considerou necesario que as administracións sigan implicándose a fondo en plans coma o PEL, "que suman os esforzos dos sectores público e privado para dar solución ao principal problema deste país: o desemprego".

60.000 euros en premios para as gañadoras

As empresas e entidades gañadoras de cada categoría recibiron un premio en metálico por importe de 20.000 euros.

Diversa Technologies S.L. recibiu o premio na categoría de mellor iniciativa empresarial nova. Esta spin-off biotecnolóxica compostelá nacida no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) é prestadora dun servizo innovador no transporte das moléculas. Un equipo de 14 persoas dirixido por María de la Fuente soubo aproveitar o talento formado en Galicia para desenvolver unha tecnoloxía pioneira no mundo no eido da bioloxía molecular e a nanomedicina, que está a xerar importantes avances terapéuticos e abrindo novas esperanzas e vías de investigación en campos como a oncoloxía, as enfermidades metabólicas ou as autoinmunes. O equipo de traballo que conforma a empresa está liderado por mulleres farmacéuticas e biotecnólogas de referencia no seu sector.

Pola súa banda, Informática e Networking Compostela S.L.U. (INFONET), resultou galardoada na categoría de mellor iniciativa empresarial consolidada, é unha empresa compostelá de servizos e solucións tecnolóxicas, especializada en cloud computing, consultoría IT e sistemas. Ademais cabe destacar que é a primeira provedora de nube dixital privada 100% galega e que conta cunha política de RSC arraigada. Infonet converteu en realidade o soño de estudante do fundador da empresa, Rafa Villaverde, de apostar polo talento local para crear solucións tecnolóxicas de vangarda desde Galicia.

Na terceira categoría, a Asociación de Comerciantes, Empresarios e Profesionais Compostela Monumental recibiu o premio a mellor asociación empresarial, polo seu labor dinamizador do comercio local, o turismo e o patrimonio da zona centro de Santiago ao longo de 30 anos, pola infinidade de proxectos levados a cabo, así como por todos os logros e fitos acadados tanto a nivel nacional como internacional.

As segundas clasificadas recibiron 15.000 euros en accésits

Como novidade, nesta quinta edición as bases reguladoras dos Premios PEL estableceron a posibilidade de que o xurado concedese accésits aos segundos clasificados de cada categoría por importe de 5.000 euros cada un.

O xurado, debido ao alto nivel das candidaturas presentadas, decidiu outorgar accésits en todas as categorías, concretamente ás seguintes entidades:

A ferrolá Eva Cayetana Somolinos Olmo co seu proxecto cultural e empresarial AcercArte recibiu o accésit na primeira categoría por tratarse dunha idea empresarial innovadora na que se combina arte, música e pintura fusionadas coas novas tecnoloxías, ofrecendo unha experiencia sensorial diferente á sociedade.

Pola súa banda, a empresa familiar Equipos Lagos S.A., integrada por un amplo equipo de máis de 170 profesionais con presenza en 26 países que desde o polígono de Bergondo exporta solucións de pintura e tratamento de superficies para o sector aeronáutico, do automóbil, do ferrocarril, das enerxías renovables e da industria en xeral, recibiu o accésit na categoría de empresa consolidada)

Na categoría de mellor asociación empresarial o accésit recaeu na Asociación de Empresarios de Agrela, o parque empresarial máis antigo de Galicia, pola súa traxectoria, pola súa envergadura (acolle a máis de 555 empresas) polo impacto na súa área de actuación e a posta en valor do polígono que lle dá nome.

Neste acto tamén tiveron cabida recoñecementos para os xornalistas e medios de comunicación que contribúen a difundir o potencial económico de Galicia e das súas empresas. Este ano foron galardoados Julián Rodríguez, director de Economía Digital Galicia e Gonzalo Cortizo, director de El Diario.es Galicia e adxunto ao director de El Diario.es.

Durante o evento, ademais de proxectarse vídeos de todos os proxectos empresariais que recibiron recoñecemento e todas as persoas asistentes tiveron ocasión de desfrutar da música en directo da banda Black Bigstage e do humor do monologuista e guionista de La Resistencia, o ferrolán Danny Boy-Rivera.