Estás en:Novas

A quenda de Ponteceso marca o récord de inscritos na Campaña de Vela da Deputación

A deputada de Deportes, Cristina Capelán, deu a benvida no Porto de Corme aos 32 nenos e nenas participantes

Ponteceso acollerá durante esta semana a cuarta quenda da campaña, tras pasar por Cariño, Mugardos e Pontedeume e que rematará en Dumbría e Rianxo

Os e as escolares da comarca de Bergantiños aprenderán a navegar en embarcacións a vela

A quenda de Ponteceso marca o récord de inscritos na Campaña de Vela da Deputación

A deputada de Deportes, Cristina Capelán, e o alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, deron a benvida hoxe no Porto de Corme aos participantes da cuarta quenda da Campaña de Vela 2022 da Deputación, a máis numerosa ata o de agora en canto a inscricións, con 32 mozas e mozos anotados, 16 na quenda de mañá e outros 16 na de tarde.

Esta iniciativa, na que participan preto de 200 nenos e nenas de distintos municipios costeiros da provincia ao longo dos meses de xullo e agosto, inclúe a iniciación nos conceptos teóricos de náutica e coñecementos básicos de nós mariños con prácticas de navegación a vela.

Capelán explicou que "o obxectivo é promover e achegar aos máis pequenos a un dos deportes de referencia de Galicia". "Para nós, como institución, é moi importante fomentar a práctica deportiva como actividade saudable e valores como o respecto polo medio mariño e o medio ambiente, un dos nosos recursos máis prezados", salientou.

Ponteceso acolle, ata o 12 de agosto, a cuarta quenda dos cursos e durante esta semana un total de 32 escolares de 9 a 17 anos dos municipios da comarca de Bergantiños aprenderán a navegar en embarcacións a vela.

Un ano máis a Deputación da Coruña pon en marcha a Campaña de vela, iniciativa deportiva coa que o organismo provincial fomenta a práctica dos deportes náuticos. A campaña está dirixida aos nenos e nenas empadroados na provincia e nados entre xaneiro de 2004 e decembro de 2013

Quendas

Esta campaña comezou en Cariño (do 18 ao 22 de xullo) e xa se desenvolveu en Mugardos (25 ao 29 de xullo) e Pontedeume (do 1 ao 5 agosto). Despois de Ponteceso chegará a Dumbría (do 15 ao 19) e Rianxo, a última quenda, do 22 ao 26 de agosto. As quendas terán unha duración dunha semana e estruturaranse en dous grupos; un de 10:00 a 14:00 horas e outro de 16:00 a 20:00 horas.